A RAGC convoca as Medallas de Investigación, que recoñecen a traxectoria de científicas e científicos en activo

mércores, 26 de xuño do 2024 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) convoca as Medallas de Investigación. Estes galardóns recoñecen a traxectoria consolidada de científicas e científicos en activo que desenvolven a súa actividade en centros de investigación da nosa comunidade.
Outorgaranse cinco medallas, unha por cada sección da RAGC: Medalla “Ángeles Alvariño González” no ámbito da bioloxía e ciencias da saúde; Medalla “Isidro Parga Pondal” en ciencias técnicas; Medalla “Antonio Casares Rodríguez” no eido da química e a xeoloxía; Medalla “Domingo García-Sabell Rivas” no das ciencias económicas e sociais; e a Medalla “Enrique Vidal Abascal” en matemáticas, física e ciencias da computación. O prazo da convocatoria estará aberto ata o 13 de setembro.
As propostas poderán ser presentadas por alomenos dez profesores ou investigadores expertos en cada ámbito, por departamentos ou institutos, ou por centros de investigación de Galicia. Incorporaranse ademais as candidaturas presentadas nos dous anos anteriores. As bases da convocatoria especifican que a proposta debe incluír un documento onde se describa a traxectoria investigadora e o impacto da mesma, así como un currículo abreviado da candidata ou candidato.
Cada unha das seccións da RAGC proporá tres candidatas ou candidatos, correspondendo a elección final á xunta de goberno da Academia, que valorará tres dimensións: a contribución á creación de coñecemento, salientando a promoción de liñas de traballo e a súa consolidación, a execución de proxectos ou contratos de investigación e os resultados publicados en libros e revistas ou rexistrados como patentes; a capacidade de formación, especialmente de doutoras e doutores, e a creación dunha escola de investigación; ademais do impacto, considerando a transferencia dos resultados, o liderado en comités e redes españolas e internacionais e a inserción na sociedade científica internacional.
As propostas remitiranse por correo electrónico a ragciencias@ragc.gal. As premiadas e premiados recibirán as súas medallas nun acto que se celebrará o 8 de outubro con motivo do Día da Ciencia en Galicia.

PUBLICIDADE