A RAGC e GAIN convocan a edición 2021 dos seus premios galegos á transferencia tecnolóxica

venres, 16 de abril do 2021 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) veñen de convocar a edición 2021 dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que teñen o obxectivo de recoñecer o traballo do persoal investigador e dos/as empresarios/as que apostan por permitir o fluxo de innovación avanzada e de proxectos, favorecendo que estes acaben por converterse en realidades produtivas de mercado.
Nesta sétima edición, os premios convócanse en tres modalidades:
· Premio Francisco Guitián Ojea, a un traballo de investigación aplicada. Recoñece o éxito dun grupo de investigación na creación dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
· Premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación. Este galardón irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida con máis éxito ao sector empresarial.
· Premio Ricardo Bescansa Martínez a un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida. Concederase á empresa que acredite a mellor implantación de tecnoloxía transferida desde un grupo de investigación galego.
O prazo para a presentación de candidaturas está aberto ata o 30 de abril.
Quen precise máis información, tena xa dispoñíbel na páxina web de GAIN.

PUBLICIDADE