A RAGC e GAIN convocan o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

venres, 29 de maio do 2020 S. P.

Comunicar os grandes achados do coñecemento, a investigación e a innovación, e facelo tamén dun xeito innovador e investigador, vai seguir tendo recoñecemento na nosa terra. Así nolo lembra a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, que convocou unha nova edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, que terá aberto, até o 15 de xuño, o prazo de presentación de candidaturas.
En concreto, o galardón recoñecerá con 3.000 euros o mellor traballo de difusión da investigación científica publicado entre o o 1 xuño de 2019 e o 20 de maio de 2020 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. A maiores, concederase un accésit de 1.000 euros ao segundo traballo mellor valorado.
Segundo informan as entidades organizadoras respecto das bases do certame, os xornalistas poden presentar ao concurso (a título individual ou en equipo) noticias, crónicas ou reportaxes que teñan como tema principal “calquera aspecto relacionado coa ciencia desenvolvida en Galicia”. Por exemplo achados, difusión do labor de grupos ou centros de investigación, posíbeis aplicacións dos resultados da investigación, casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado, etc.
O proceso de presentación de candidaturas é telemático, a través dun formulario electrónico dispoñíbel na web da RAGC.

PUBLICIDADE