A RAGC e GAIN entregan este mércores os seus galardóns conxuntos

martes, 10 de xuño do 2025 S. P.

O equipo da USC liderado por Carlos García

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra este mércores, 11 de xuño, o acto de entrega de tres convocatorias de premios da institución, ás 18:30 horas no Pazo de San Roque de Santiago. Trátase dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia e o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN), ademais do Premio de Divulgación Científica 2025.
O evento contará coa asistencia do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, Mª Cristina Naya; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; a decana da facultade de Farmacia da USC, Reyes Laguna; e o presidente da RAGC, Juan Lema; entre outras autoridades e representantes do eido científico, cultural e académico da nosa comunidade.
Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía distinguen dúas categorías. Por unha banda, o Premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada recoñece a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Recaeu no proxecto de produción sostible de materiais porosos estériles para aplicacións biomédicas, de investigadores do Grupo I+D Farma da Universidade de Santiago, liderados por Carlos García. Pola súa parte, o Premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía a unha empresa foi para o grupo de investigación NeurObesity do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS- da Universidade de Santiago, equipo coordinado por Miguel López.
O Premio de Xornalismo Científico recaeu na xornalista Lucía Cancela, cun accésit para Uxía Rodríguez. E o Premio de Divulgación Científica foi para Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, dirixida a alumnado desde Primaria a Bacharelato, e que este ano cumpre o seu 20 aniversario.