A RAGC e GAIN suman esforzos na divulgación da ciencia en Galicia

venres, 31 de maio do 2024 S. P.

A nova directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, recibiu este venres 31 de maio pola mañá, na sede da axencia en Santiago, ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Lema, á súa vicepresidenta, Alicia Estévez, e ao responsábel de publicacións e relacións sociais do organismo, Fernando Pérez. No encontro, a representación da Academia expúxolle á nova dirección de GAIN as actividades que desenvolven así como os seus plans de futuro e conversaron sobre os proxectos que comparten ámbalas dúas entidades. En concreto, a Axencia colabora, entre outros, nos Premios á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia e no Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas.
A directora da axencia destacou o amplo labor de divulgación da ciencia e da tecnoloxía que realiza a institución a todos os niveis, dende os centros de ensino ata a sociedade en xeral. Salientou así mesmo “o importante papel que xoga no recoñecemento a figuras senlleiras da historia da ciencia en Galicia, así como a científicos e científicas actuais en diferentes etapas da súa carreira profesional”.
Neste senso, a representante da Xunta de Galicia reafirmou o interese da súa entidade en seguir sumando esforzos neste ámbito, co obxectivo de facer consciente á sociedade da importancia da ciencia e da tecnoloxía no noso benestar económico e social, así como render homenaxe a aqueles persoeiros que fixeron unha importante achega ao coñecemento e a tecnoloxía xerada na nosa comunidade.