A RAGC e a Deputación de Pontevedra ofrecen unha ollada aos computadores do futuro
martes, 30 de maio do 2023- O investigador da UVigo Marcus Curty
Será este xoves, 1 de xuño, ás 19 horas cando a Real
Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra
celebren unha nova sesión do Ciclo
de Conferencias Aida Fernández Ríos. A dita
actividade será de balde e está encamiñada a promover o interese
sobre temas de actualidade científica con repercusión social,
impulsando o labor científico que se leva a cabo en Galicia. Poderá
seguirse en liña (a ligazón obtense unha vez rexistrados na web da
Deputación). A sesión centrarase nas tecnoloxías cuánticas e nas
tecnoloxías que nos agardan.
Cómpre informar que este ciclo de conferencias, que se estenderá
até o 15 de xuño, constará de dous bloques: no primeiro bloque
serán conferencias en formato webinar impartidas por
persoas de recoñecido prestixio no seu eido profesional propostas
pola RAGC. E nun segundo bloque conferencias en centros de ensino da
provincia de Pontevedra dirixidas ao alumnado da ESO.
Indo á xornada deste xoves 1 de xuño, dicir que se centrará na
segunda revolución cuántica e en como serán os computadores e as
comunicacións do futuro. Será impartida por Marcos Curty Alonso,
catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de
Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo e investigador do Quantum
Communication Center da Universidade de Vigo. Na súa intervención
explicará como a mecánica cuántica cambiará de xeito radical a
maneira de compartir e protexer a nosa información nun futuro
próximo. O investigador indica que hai dúas motivacións principais
que impulsan as tecnoloxías cuánticas. “A primeira é práctica,
e está relacionada coa permanente miniaturización dos compoñentes electrónicos dos nosos circuítos integrados, que
están xa próximos a acadar escalas onde é preciso empregar a
mecánica cuántica para describir o seu funcionamento. A segunda é
máis fundamental: os principios da mecánica cuántica bríndannos a
posibilidade de codificar, transmitir e procesar información de
maneira máis eficiente que os seus análogos clásicos, ofrecendo
aplicacións imposíbeis para a nosa tecnoloxía actual”.
Entre as aplicacións ás que se refire Curty atópase a capacidade
para romper a seguridade das nosas comunicacións en redes abertas
como Internet. “Por exemplo, cando efectuamos transaccións
financeiras con banca electrónica ou compras en liña, é
imprescindíbel garantir a confidencialidade da información
transmitida. Isto realízase con sistemas criptográficos de clave
pública, cuxa seguridade se basea na dificultade de resolver certos
problemas matemáticos. Pois ben, un computador cuántico podería
resolver gran parte destes problemas matemáticos de xeito moi
eficiente”.
Europa planea despregar unha rede de comunicacións cuánticas a
nivel continental na vindeira década para protexer os nosos segredos
máis valiosos. O investigador opina que “motivados por esta
aplicación, así como por moitas outras potenciais aplicacións dos
computadores cuánticos en campos como a biomedicina, a química, a
intelixencia artificial ou a seguridade, xigantes tecnolóxicos como
Google, IBM ou Microsoft están inmersos nunha carreira frenética
por ser os primeiros en desenvolver un computador cuántico a grande escala”.
A inscrición para participar de xeito gratuíto en todas as
conferencias debe realizarse a través da web
da Deputación de Pontevedra. Engadir que o s
participantes poderán solicitar un certificado de asistencia. Nun
primeiro bloque organízanse conferencias en formato webinar
impartidas por persoas de recoñecido prestixio no seu
ámbito profesional propostas pola RAGC. E nun segundo bloque
conferencias en centros de ensino da provincia de Pontevedra
dirixidas ao alumnado da ESO.
Para ver o programa íntegro do Ciclo de Conferencias Aida Fernández
Ríos cómpre visitar
a web da RAGC.