A RAGC e a Fundación Barrié entregan a sete equipos galegos os seus Premios de Investigación

mércores, 5 de febreiro do 2025 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou esta tarde o acto de apertura do seu curso, no compostelán Pazo de San Roque. Ao evento asistiu o presidente, Juan Lema, e o resto do equipo de goberno da institución, xunto a outras académicas e académicos. Durante o evento entregáronse os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, destinados a recoñecer a mellor investigación que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais.
Os tres traballos distinguidos recibiron unha dotación de 5.000 euros cada un. Concedéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías. O presidente da RAGC salientou o éxito desta convocatoria, con cen candidaturas presentadas, “todas elas cunha extraordinaria calidade”. Así, manifestou que “constitúen o expoñente da mellor ciencia que se fai en Galicia, con publicacións nas mellores revistas especializadas e cunha gran proxección internacional”.
Premiados na categoría de Ciencias Básicas
O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e biocombustíbeis como iniciativa para combater o cambio climático. Os seus autores, liderados por Miguel Ángel Correa, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo. O galardoado destacou que “trasladar as nosas investigacións á sociedade é de vital importancia para visibilizar que a ciencia básica no só é fundamental para asegurar o futuro da sociedade, senón que tamén pode xerar beneficios a curto prazo”.
Nesta área concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Ashwin Woodhoo, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS- da Universidade de Santiago. Descubriron un novo mecanismo de especial relevancia para o tratamento de determinadas doenzas nerviosas como a esclerose múltiple. O investigador incidiu tamén no valor de que se recoñeza “o traballo ás veces invisíbel pero sempre necesario que se fai na investigación básica”.
O segundo accésit neste categoría foi para Fernando Adrián Fernández, da facultade de Matemáticas da USC. Logrou establecer a relación entre diferentes tipos de ecuacións de cara a facilitar o estudo e comprensión de moitos fenómenos complexos como o crecemento dos animais ou a propagación e prevalencia de enfermidades infecciosas. Manifestou que “este premio pon en valor as Matemáticas e subliña a importancia de seguir desenvolvendo teorías que faciliten abordar problemas reais de forma máis eficaz e accesíbel, destacando o impacto das Matemáticas na comprensión e solución de desafíos do mundo actual”.
Premiados na categoría de Ciencias Técnicas
O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo da Universidade de Vigo coordinado por Víctor Zapatero que creou unha tecnoloxía segura para as futuras comunicacións por satélite. Na súa intervención puxo de relevo que “a carreira investigadora está chea de incertezas. Un científico fai moitos sacrificios sen a garantía de estabilidade que ofrecen outros traballos e, por moita vocación que se teña, é habitual tirar a toalla. Por todo iso, este recoñecemento é un incentivo moi valioso para min e o meu equipo”.
Nesta categoría outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo, liderado por Antía Fernández, que desenvolveu un proceso innovador e sustentábel para eliminar a presenza de contaminantes farmacéuticos da auga. Sinalou que “este recoñecemento valida o noso compromiso co desenvolvemento de solucións sustentábeis para abordar desafíos ambientais clave e motívanos a seguir innovando para mellorar a calidade da auga”.
Premiados na categoría de Ciencias Sociais
O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC -en colaboración co centro de investigación interuniversitario ECOBAS-, coordinado por Milagros Vivel. Estudaron a influencia do efecto contaxio do fracaso empresarial nas micro, pequenas e medianas empresas a través dunha mostra de 3.948 hoteis. A experta salientou que o premio é “unha motivación para continuar xerando coñecemento científico de calidade e aplicado ao noso sector produtivo desde a universidade pública galega”.
Nesta categoría outorgouse un accésit a un grupo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, liderado por María Cadaval. Ofrece unha análise innovadora sobre o impacto das políticas de consolidación fiscal nas preferencias e intención de voto da cidadanía. Na súa intervención declarou que este recoñecemento supón “un importante impulso ao traballo desenvolto até o de agora. O artigo simboliza o que somos como equipo e, sobre todo, o que aspiramos a ser: referentes a nivel nacional e internacional na docencia, investigación e transferencia no eido da economía pública”.