A RAGC e a Fundación Barrié premian unha tecnoloxía segura para as futuras comunicacións por satélite
xoves, 30 de xaneiro do 2025
A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié veñen de compartir as destinatarias e os destinatarios dos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, dirixidos a recoñecer a mellor investigación que se desenvolve na nosa comunidade en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os tres traballos distinguidos recibirán unha dotación de 5.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 5 de febreiro no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC. Entre as investigacións recoñecidas figura unha tecnoloxía segura para as vindeiras comunicacións vía satélite co-impulsada polo centro atlanTTic (UVigo).
Amais, concedéronse ademais varios accésit en cada unha das tres categorías.
A esta primeira edición presentáronse un centenar de candidaturas. Ademais do éxito da convocatoria, o xurado resalta “o magnífico nivel de todos os traballos, todos eles publicados en revistas internacionais de alto impacto, con resultados de enorme relevancia tanto desde o punto de vista científico como pola súa contribución ao avance da ciencia en Galicia”.
Un novo material capaz de converter o dióxido de carbono en metano mediante luz solar
O premio na categoría de Ciencias Básicas recaeu nun proxecto centrado na utilización de dióxido de carbono para a produción de produtos químicos e combustíbeis como iniciativa para combater o cambio climático. Os seus autores, liderados por Miguel Ángel Correa, están integrados no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo.
Tal como indica o investigador, “o metanol emprégase como fonte para a fabricación de produtos químicos, de xeito que podería desempeñar un papel importante como vector enerxético no futuro”. Na actualidade a produción de metanol depende de combustíbeis fósiles, polo que o equipo avanzou nun enfoque innovador para a súa obtención sustentábel: desenvolveron un novo material capaz de converter de maneira eficiente o CO2 en metanol utilizando luz solar, imitando o proceso natural da fotosíntese. Correa explica que “a estratexia de fabricación baséase no uso de estruturas porosas organometálicas como plataforma para integrar nanopartículas de ouro, con propiedades ópticas especiais, e ións metálicos de cobre. Esta combinación simplifica a produción de metanol mediante o uso exclusivo de auga, dióxido de carbono e luz solar. A alta selectividade e estabilidade do material convérteno nunha alternativa viábel para a produción sustentábel de metanol”.
Avances no tratamento de doenzas nerviosas como a esclerose múltiple e un achado matemático que simplifica o estudo de fenómenos como a propagación de enfermidades
Na categoría de Ciencias Básicas concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Ashwin Woodhoo, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas -CiMUS- da Universidade de Santiago. Descubriron un novo mecanismo que revela por que en certas doenzas dánase a capa protectora dos nervios. Os investigadores acharon un mecanismo clave neste proceso, de xeito que, cando so xeradas anomalías na capa, desencadéanse problemas para camiñar, debilidade muscular ou pinzamento nas extremidades. Con este achado engádese unha nova diana para o deseño de novas estratexias terapéuticas contra estas doenzas.
Outro dos accésit foi para Fernando Adrián Fernández, da facultade de Matemáticas da USC. Logrou establecer a relación entre diferentes tipos de ecuacións de cara a facilitar o estudo de fenómenos do mundo real como o crecemento dos animais ou a propagación e prevalencia de enfermidades infecciosas, xunto a outros problemas de diversa índole. “Construímos unha ponte entre dous tipos de problemas matemáticos, trasladando o coñecemento e as ferramentas do problema máis accesíbel ao máis complicado, simplificando así o estudo e comprensión de moitos fenómenos no eido da bioloxía e a epidemioloxía”, salientou.
Tecnoloxía galega segura para as futuras comunicacións por satélite
O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo coordinado por Víctor Zapatero, do Vigo Quantum Communication Centre e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic da UVigo. O investigador indica que gobernos e institucións de todo o mundo están a substituír os seus cifrados convencionais por cifrados máis robustos debido á ameaza dos computadores cuánticos. Nesta transición, unha técnica coñecida como "distribución cuántica de claves" preséntase como a única solución que permite alcanzar unha seguridade incondicional, pero é a máis custosa de implementar e, ademais, de non aplicarse correctamente, as súas garantías de seguridade desaparecen. Explica que esta “fraxilidade práctica”, unida ao seu elevado custo, está a frear a adopción xeneralizada da distribución cuántica de claves. Neste contexto, o traballo premiado propón unha nova variante máis sinxela, máis barata e máis práctica. Esta variante xa se probou en experimentos reais e crese que podería ter un rol protagonista nas futuras comunicacións cuánticas por satélite.
Un proceso innovador para eliminar a presenza de fármacos na auga
Na categoría de Ciencias Técnicas outorgouse un accésit a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da UVigo, liderado por Antía Fernández. Explica que a presenza de contaminantes farmacéuticos persistentes na auga, mesmo en concentracións moi baixas, ten un impacto significativo na saúde humana e no ambiente. Debido á súa resistencia e baixa concentración, estes contaminantes non se eliminan completamente coas técnicas convencionais de tratamento de auga, “o que xera a necesidade de desenvolver novos procesos”. Así, este traballo aborda a implementación de procesos de oxidación avanzada, facilitando a transformación dos contaminantes en substancias minerais.
Como afecta o efecto contaxio no fracaso empresarial
O premio na categoría de Ciencias Sociais foi para un equipo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, en colaboración co centro de investigación interuniversitario ECOBAS. A súa coordinadora, Milagros Vivel, sinala que estudaron a influencia do efecto contaxio do fracaso empresarial nas micro, pequenas e medianas empresas a través dunha mostra de 3.948 hoteis. O estudo logra identificar como a proximidade xeográfica a empresas fallidas incrementa a probabilidade de fracaso no curto prazo, pero diminúe a longo prazo, o que proporciona novas perspectivas sobre a xestión do risco empresarial.
O impacto das políticas de consolidación fiscal na intención de voto da cidadanía
Nesta categoría outorgouse un accésit a un grupo da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, liderado por María Cadaval. Ofrece unha análise innovadora sobre o impacto das políticas de consolidación fiscal nas preferencias e intención de voto da cidadanía española, nun contexto marcado polas regras fiscais europeas. Empregando unha enquisa con máis de 1.500 participantes, avanzadas técnicas econométricas e un deseño experimental, o estudo revela que a ideoloxía política condiciona as preferencias sobre as medidas fiscais (suba de impostos ou recorte de gasto), que as políticas de austeridade teñen custos electorais variábeis segundo a súa composición, e que as percepcións cidadás están influídas polo nesgo das fontes de información.