A RAGC e a UIE distinguen a sete investigadoras mozas que realizan o seu labor na nosa comunidade
mércores, 22 de xaneiro do 2025
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE) celebraron na tarde deste 22 de xaneiro o acto de entrega dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores novas/os, que tivo lugar no Centro Obra Social Abanca co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias da mocidade que desenvolve o seu labor na nosa terra.
Na categoría de Ciencias Básicas a galardoada foi Beatriz Pelaz, que traballa no desenvolvemento de nanomateriais para lograr fármacos máis eficientes; en Ciencias Técnicas distinguiuse a Belén Riveiro, polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas; e en Ciencias Sociais o recoñecemento correspondeu a Cristina Gómez, dedicada a estudar o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, concedéronse ademais varios accésits.
No evento participaron o reitor da UIE, Miguel Ángel Escotet; e o presidente da RAGC, Juan Lema, xunto a outros membros dos dous organismos. Asistiron ademais o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez; a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; o director da ACSUG, Eduardo López; e representantes doutras entidades políticas, culturais e académicas galegas.
O presidente da Academia manifestou o seu optimismo en canto á evolución da investigación en Galicia, xunto á forza da ciencia en feminino
Na súa intervención, Juan Lema declarou que “con estes premios tratamos de visualizar e impulsar a carreira das investigadoras e investigadores con maior proxección e que liderarán a investigación nos vindeiros anos en Galicia”. Nesta liña, salientou que “os currículos das máis das 60 candidaturas presentadas son realmente brillantes e permiten ser moi optimistas en canto á evolución da investigación na nosa comunidade. Ademais, o resultado desta primeira convocatoria é unha proba evidente da forza da ciencia en feminino”.
Pola súa parte, Miguel Ángel Escotet declarou que “estes premios constrúense coa intención de recoñecer e fomentar o traballo das persoas investigadoras máis novas, promovendo o coñecemento científico”. Dirixiuse así ás premiadas: “Queremos darvos ás para a viaxe da vida e estimular a vosa postura de acción transformadora, que é inherente á propia investigación e implica un fondo talante de actitude de cambio e de mellora”.
No eido das Ciencias Básicas recoñeceuse a Beatriz Pelaz (Valladolid, 1982), profesora da Universidade de Santiago e investigadora do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). O seu traballo céntrase no desenvolvemento de nanomateriais funcionais para a súa aplicación en modelos biolóxicos, co obxectivo de crear unha nova xeración de nanomedicinas máis eficientes. “Este premio supón o recoñecemento a unha traxectoria investigadora, así como ao traballo que realizamos no grupo Bionanotools do CiQUS. Serve ademais para dar visibilidade á importancia da investigación e pon en valor a ciencia realizada polos mozos científicos, aquí, en Galicia” -salientou-.
Pola súa parte, Susana Ladra (Santiago, 1984), profesora da facultade de informática da Universidade da Coruña e membro do grupo de investigación Laboratorio de Bases de Datos, ademais de investigadora do CITIC da UDC, recibiu un accésit. Enfoca o seu traballo ao deseño de algoritmos e estruturas de datos aplicados á recuperación de información e en aplicacións multidisciplinares no campo da bioinformática. “É unha honra recibir este premio en nome de todos os mozos que traballamos pola ciencia en Galicia. É un incentivo para seguir investigando para resolver problemas relevantes, multidisciplinares e complexos”, declarou a investigadora.
Outro dos accésit nesta área foi para Iria Gómez (Santiago, 1982), directora do grupo de investigación Xenomas e Inmunidade no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC, o CiMUS. Entre os seus traballos, destacan os relacionados coa diabetes tipo 1, en particular un proxecto financiado cun millón de dólares pola Fundación americana para o estudo da diabetes xuvenil. “Como investigadora galega que tivo a posibilidade de retornar a Galicia e establecer o meu grupo en Santiago, este premio axudarame a reforzar o meu perfil e o do meu grupo en convocatorias de proxectos, así como a aumentar a nosa rede de contactos” -remarcou-.
En Ciencias Técnicas distinguiuse a Belén Riveiro (Cotobade, 1983), profesora na Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo e investigadora do CINTECX, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais. Lidera innovadoras liñas de investigación que combinan a enxeñaría estrutural, a teledetección e a Intelixencia Artificial para a avaliación de estruturas de enxeñaría civil como pontes, estradas e vías férreas. As súas tecnoloxías permiten diagnosticar a saúde destas estruturas e poder así anticipar a aparición de posíbeis colapsos. “É moi importante que se visibilice o talento e a excelencia dos investigadores durante a etapa na que, quizais, se realizan os maiores esforzos por chegar a consolidar unha carreira. Como muller que trata de compatibilizar a investigación coa maternidade, recibo este premio como un impulso para seguir apostando pola ciencia” -manifestou-.
Concedeuse un accésit á enxeñeira Sara González (Mondoñedo, 1982), profesora de Enxeñaría Química na USC e investigadora do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais, o CRETUS. As súas liñas de investigación inclúen a economía circular, o estudo das pegadas ambientais e a análise da sustentabilidade; empregando a metodoloxía da análise do ciclo de vida (ACV) en sistemas industriais, agroalimentarios, urbanos e forestais; o que lle ten permitido expoñer estratexias de circularidade e deseñar biorrefinerías nestes sectores. “Este recoñecemento é un impulso para seguir traballando por unha ciencia de excelencia e para o desenvolvemento sustentable, xa que esta é a base para fortalecer a sociedade do futuro. Ademais, recoñécese a área de Ciencias Técnicas, con escaseza de referentes femininos”, destacou.
En Ciencias Sociais premiouse a Cristina Gómez (Vilalba, 1985), profesora de Psicoloxía da USC. Desenvolve o seu labor no ámbito da psicoloxía política, a acción colectiva e o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas. Investiga ademais sobre problemas ambientais no CRETUS. “Este logro non é só meu; é o reflexo do apoio de moitas persoas e das oportunidades que recibín ao longo do camiño. Supón un impulso para seguir contribuíndo ao coñecemento e á investigación en Galicia” -declarou-.
O accésit foi para Ariadna Monje (A Coruña, 1990), profesora da Universidade da Coruña. Lidera diferentes grupos de traballo relacionados co emprendemento (en colaboración cos proxectos GEM en España) e co turismo, realizando tanto investigacións científicas como asesoría para distintas administracións. “Este premio é un estímulo para avanzar en áreas clave como a organización de empresas e o ecosistema emprendedor, ao tempo que reforza a relevancia da transferencia do coñecemento científico cara á sociedade e o tecido empresarial, fomentando o progreso e a innovación”, salientou.