A RAGC e a USC convocan a novena edición do certame A Ciencia en imaxe

mércores, 19 de outubro do 2022 S. P.

Primeiro premio do ano pasaod, Lúa a toda cor

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocan o IX Concurso A Ciencia en imaxe. Fano no marco das celebracións da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Ciencias. Este certame diríxese á comunidade universitaria da Universidade de Santiago e, como novidade desta edición, tamén á dos centros de Ensino Medio de Galicia nos que se imparte ESO e Bacharelato. O obxectivo é distinguir fotografías e vídeos divulgativos de calquera contido relacionado coas ciencias: conceptos fundamentais, científicos/as, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas, temas de investigación…

O segundo premio da edición 2021, A mirada da natureza

A autoría das instantáneas debe ser individual mentres que a dos vídeos pode ser grupal. Poderán concederse ata dous premios por categoría: na de fotografía un primeiro galardón de 200 euros e un segundo de 100 €; e na de vídeo divulgativo haberá un primeiro premio de 250 € e un segundo de 125. O xurado poderá conceder así mesmo unha ou máis mencións de honra.
O prazo para inscribirse no concurso vai do 24 de outubro ao 6 de novembro. O rexistro é gratuíto, para o que cómpre enviar o formulario de inscrición (que se poderá descargar no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago, onde tamén figuran as bases) e o arquivo coa fotografía ou vídeo divulgativo á dirección de correo fisica.acienciaenimaxe@usc.es. No asunto indicarase “A Ciencia en imaxe: fotografía” ou “A Ciencia en imaxe: vídeo”, en función da categoría na que se queira participar.

O terceiro posto na edición anterior, Outras luces, outras miradas

Cada participante poderá presentar unha única achega en cada categoría, dixitalizada
e realizada con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. As contribucións deben ser orixinais, inéditas, non presentadas en edicións anteriores deste certame e non premiadas noutros concursos. Cada obra deberá acompañarse dun título e pode incluír un breve comentario ou reflexión do/a autor/a.
Os premios entregaranse o 15 de novembro no acto de celebración do patrón das Ciencias, San Alberte Magno