A RAGC e a USC convocan o XII concurso de fotografías científicas e tecnolóxicas
venres, 24 de outubro do 2025

- Foto "Tensión e impacto", gañadora do certame na anterior edición
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocan o XII Concurso A Ciencia en imaxe, no marco das celebracións da festividade de San Alberte Magno, patrón das facultades de Ciencias. Este certame diríxese a toda a comunidade universitaria da Universidade de Santiago.
Neste concurso prémianse fotografías divulgativas de calquera contido relacionado coas Ciencias: conceptos fundamentais, científicos, fenomenoloxía, aplicacións tecnolóxicas, temas de investigación... Concederanse dous premios: un primeiro galardón de 200 euros e un segundo de 100 euros.
O prazo para inscribirse no concurso estará aberto ata o vindeiro 10 de novembro. O rexistro é gratuíto, para o que cómpre enviar o formulario de inscrición (que se pode descargar da páxina web da USC, onde tamén se poden consultar as bases) e o arquivo coa fotografía ao enderezo de correo electrónico facultade.bioloxia.decanato@usc.gal. No asunto debe indicarse “A Ciencia en Imaxe”.
A autoría das instantáneas debe ser individual. Cada participante poderá presentar unha única fotografía, dixitalizada e realizada con calquera equipo, profesional ou afeccionado, incluído o teléfono móbil. As contribucións deben ser orixinais, inéditas (non publicadas en ningún medio de comunicación, mesmo dixital), non presentadas en edicións anteriores deste certame e non premiadas noutros concursos. Cada obra deberá acompañarse dun título e pode incluír un breve comentario ou reflexión do seu autor ou autora.
As fotografías deben presentarse en formato JPG e ter un máximo de 5 MB. Non poderán ser retocadas electronicamente e tampouco se admiten fotomontaxes, unicamente se permiten mínimas correccións de cor e luminosidade.
Os premios entregaranse o 14 de novembro no acto de celebración do patrón das Ciencias, San Alberte Magno
O xurado do concurso de fotografía estará composto por un membro de cada unha das cinco facultades organizadoras, xunto a un membro da Real Academia Galega de Ciencias, e podería contar coa asesoría dunha persoa experta en imaxe.
Para valorar as diferentes obras presentadas, teranse en conta a orixinalidade das propostas, a súa estética, capacidade comunicativa, calidade e adecuación á temática do concurso. O fallo publicarase no Taboleiro Electrónico da USC e na páxina web da Facultade de Bioloxía. Os premios entregaranse o 14 de novembro na Aula Magna da Facultade de Bioloxía durante o acto de celebración do patrón das Ciencias, San Alberte Magno.
