A RAGC entrega os seus premios anuais

mércores, 19 de xuño do 2024 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou no serán deste 19 de xuño, no Pazo de San Roque de Santiago, o acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas (convocados coa colaboración da Axencia Galega de Innovación, GAIN) e o Premio de Divulgación Científica 2024.
O evento contou coa asistencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; e o presidente da RAGC, Juan Lema. Acudiron ademais a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, Ana Isabel Ares; o director de Augas de Galicia, Roi Fernández; Elena Vázquez Cendón, conselleira do Consello da Cultura Galega; entre outras autoridades e representantes do eido científico, cultural e académico da nosa comunidade.
Na súa intervención, o presidente da RAGC indicou que “os Premios á Transferencia de Tecnoloxía representan a mellor investigación aplicada que se fai en Galicia, tratando non só de desenvolver ciencia, senón tamén de aplicala para resolver problemas da sociedade”.
En relación ao Premio de Divulgación Científica, salientou que a Academia busca “recoñecer a investigadores e investigadoras destacados que se esforzan por fomentar as vocacións científicas e potenciar o aprecio da ciencia entre a poboación, dando a coñecer así mesmo os avances acadados en diferentes eidos”. Por último, apuntou que co Premio de Xornalismo preténdese recoñecer a transmisión dos valores da ciencia á sociedade.
Materiais para sistemas de refrixeración e calefacción máis seguros e eficientes
Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia comprenden dúas categorías, premiadas con 5.000 euros cada unha. O Prremio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada recaeu no proxecto de desenvolvemento de novos refrixerantes baseados en materiais sólidos (en lugar de gases) para sistemas de refrixeración e calefacción que axuden a reducir os gases de efecto invernadoiro e sexan máis seguros e económicos, contribuíndo á eficiencia enerxética. É un proxecto de investigadores do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía e da Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade da Coruña, liderados por María Antonia Señarís. Algúns dos materiais desenvoltos polo equipo xa están protexidos por unha patente.
A investigadora agradeceu á Academia este galardón: “É para nós unha enorme alegría, satisfacción e honra recibir este prestixioso premio da RAGC e a Axencia Galega de Innovación. Recoñécense os esforzos realizados nos últimos anos polo noso equipo multidisciplinar, formado por químicos especializados en estado sólido, materiais e propiedades térmicas, xunto a enxeñeiros expertos en eficiencia enerxética, todos da Universidade da Coruña”.
Un fertilizante extraído das augas residuais
O Premio Fernando Calvet Prats a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía foi para o Grupo de Biotecnoloxía Ambiental do CRETUS -Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais- e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago. O equipo, coordinado por Juan Manuel Garrido, e no que tamén participou Dafne Crutchik, profesora da Universidad Adolfo Ibañez de Santiago de Chile, desenvolveu un procedemento para a recuperación de fósforo en augas residuais. O investigador salienta que “a lexislación obriga a eliminalo nas estacións depuradoras pero é posíbel recuperalo e reutilizalo como substancia útil. Dentro dos compoñentes do fósforo destaca a estruvita, con elevado poder fertilizante para a agricultura”. Esta novidosa tecnoloxía, protexida por unha patente española e outra europea, transferiuse á empresa española Aqualia, que a ten implantada na EDAR de Guillarei (Tui, Pontevedra) e na de Jerez de la Frontera (Cádiz).
“É toda unha honra para o noso equipo recibir o Premio Fernando Calvet Prats, que recibe o seu nome dun dos catedráticos de Química Orgánica da Universidade de Santiago que tiveron máis implicación no desenvolvemento científico e económico tanto de Galicia como de España”, manifestou Garrido.
Sandra Penelas: “É importante concienciar da importancia que ten a investigación para o noso benestar e para conservar o noso planeta”
Entregouse tamén o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, que foi para a reportaxe La UVigo ensaya cómo reducir la corrosión mediante la impresión 3D de hormigón de Sandra Penelas, publicada en Faro de Vigo. Afonda nun proxecto de enxeñeiras da Universidade de Vigo que avalía de forma pioneira os beneficios da impresión 3D de formigón. A xornalista recibiu unha dotación de 3.000 euros.
Na súa intervención, a galardoada salientou: “Para min é unha honra recibir este Premio da RAGC. Penso que o xornalismo científico é imprescindíbel na sociedade actual para dar a coñecer o traballo que desenvolven as nosas investigadoras e investigadores e concienciar aos cidadáns da importancia que ten a investigación para o noso benestar, o de agora e o do futuro, e para conservar este planeta no que vivimos”.
Ademais, outorgouse un accésit á reportaxe La élite alimentaria capta 2,5 millones en un año desde Ourense de Elisabet Fernández, publicada en La Región. “É unha honra recibir un recoñecemento coma este e que a ciencia feita no Campus de Ourense se poña en valor. Este premio dáme alento para seguir contando historias que merecen a pena. Creo que é importante que a xente saiba que os esforzos dos científicos ourensáns están na elite mundial da innovación; ou que as campañas que as investigadoras poñen en marcha para que as nenas vexan na ciencia unha saída teñen resultados moi positivos”, salientou.
Premio de Divulgación Científica para a matemática da USC Elena Vázquez
O Premio RAGC de Divulgación Científica 2024 foi para Elena Vázquez Abal, catedrática da Universidade de Santiago na área de Xeometría e Topoloxía, que desenvolve unha destacada actividade organizando exposicións, ciclos de conferencias, obradoiros sobre divulgación matemática, concursos fotográficos e audiovisuais, xunto a iniciativas para alumnado e profesorado de Secundaria. “Agardo que este premio sirva para que a comunidade científica galega tome consciencia desta última fase da nosa misión como investigadoras e investigadores: a posta en valor do que facemos, achegando os nosos avances á sociedade, dun xeito ameno e próximo, porque só así seremos quen de gañar o respecto de quen sustenta o sistema” -declarou-.

PUBLICIDADE