A RAGC fai un chamamento de urxencia para que Galicia non perda terreo en investigación

martes, 21 de xaneiro do 2020 Redacción

A ciencia, a investigación e a innovación foron protagonistas hoxe en Santiago: tanto pola súa importancia pasada, presente e futura, como pola necesidade de pechar fileiras, dende todas as frontes, arredor delas. Este foi o leit motiv da sesión institucional celebrada hoxe pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC): o acto de apertura do curso académico no que cinco novos académicos (Luis Liz Marzán, Xosé Ramón Bustelo, Aníbal Figueiras, Beatriz González e Manuel de León) ingresaron oficialmente no seu seo, varios deles moi centrados nas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC). Na cita, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fíxose unha proclama de urxencia a prol da ciencia, que esixe, agora máis nunca, un pacto de consenso e participación arredor dela.
Segundo fixo saber o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio, este que vivimos é o intre de facer unha “fonda reflexión política, social e empresarial sobre a necesidade de establecer un pacto de país pola ciencia”. De non facelo así, fixo saber, comezaremos a ver como se distancian, en materia de desenvolvemento, coñecemento avanzado e competitividade, outras contornas xeográficas da nosa contorna. Lema laiouse de que as universidades galegas “leven máis dunha década mostrando unha evolución nestes indicadores que evidencia unha distancia cada vez maior, por exemplo, en relación coas do norte de Portugal”. Isto vén acompañado dun “número menor profesores”, o que repercute nunha caída na produción e no impacto da investigación.
O acto de apertura da RAGC, presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañouse do ingreso de cinco novos académicos correspondentes e contou coa lección maxistral A xeoloxía e o cambio climático na Terra, a cargo de Juan Ramón Vidal Romaní.
Ao acto asistiron, entre outras autoridades, a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; os vicerreitores de Investigación das Universidades de Santiago e Vigo, Vicente Pérez Muñuzuri e Belén Rubio; e a vicerreitora de Relacións Institucionais da Universidade Carlos III, Matilde Sánchez.

Os novos ingresos

– Luís Liz-Marzán, natural de Lugo, é considerado un dos pioneiros no eido da nanoplasmónica e as súas aplicacións na biomedicina. Tras doutorarse en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e realizar unha estancia de dous anos na Universidade de Utrecht, incorporouse á Universidade de Vigo, onde obtivo a cátedra de Química Física. Desde 2012 é profesor Ikerbasque e director científico do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais (CIC biomaGUNE), en Donostia. Dirixiu máis de 30 teses doutorais e foi profesor convidado en institucións en todo o mundo. Entre os seus numerosos premios destacan a Medalla da Real Sociedade Española de Química, o Premio Rey Jaime I de Investigación Básica e o Premio Nacional de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía Químicas. É membro da European Academy of Sciences e da Real Academia de Ciencias de España. Obtivo tamén a prestixiosa ERC Advanced Grant en dúas ocasións.

– Xosé R. Bustelo (Padrón, A Coruña) é profesor de investigación no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e investigador principal no Centro de Investigación Biomédica sobre o Cancro (CIBERONC). O seu traballo céntrase na comprensión dos mecanismos de transdución de sinais que contribúen ao desenvolvemento do cancro e outras doenzas. O seu grupo identificou xenes implicados nestes procesos, novos programas tumorais, dianas terapéuticas e pegadas xenéticas diagnósticas con potencial interese clínico. Logo de doutorarse en Bioloxía pola USC especializouse durante varios anos nos Estados Unidos ata o seu regreso, cando se integrou no CSIC. A súa produción científica inclúe ata agora 140 artigos científicos e varias patentes. A súa traxectoria foi recoñecida por premios coma o Young Investigator Award for Cancer Research (USA), o Premio Nacional de Oncoloxía Echevarne, o Premio Pfizer de Investigación Básica e o Premio Severo Ochoa de Investigación Biomédica. Desde 2019 é presidente da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro.

– Beatriz González López-Valcárcel, nacida en Vigo, é experta en investigación en economía da saúde pública e da prevención (obesidade, tabaco, desigualdades sociais en saúde), mercados laborais e planificación de recursos humanos, adopción e difusión de novas tecnoloxías sanitarias, e economía do medicamento. Licenciada en Ciencias Económicas pola USC, doutorouse pola Universidade de La Laguna e obtivo a Cátedra de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. É profesora de cursos de posgrao e doutoramento en decenas de universidades españolas e estranxeiras, labor que compaxina co liderado de proxectos de investigación estatais e europeos e coa consultoría en países como México, Brasil, Arxentina, Chile e Mozambique. Foi presidenta da Asociación de Economía da Saúde e da Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria, así como da sección de Public Health Economics da Asociación Europea de Saúde Pública. No ano 2011 foi condecorada coa Cruz da Orde do Mérito Civil de Sanidade.

– Aníbal R. Figueiras Vidal (Vigo) é profesor e investigador na Universidade Carlos III de Madrid, especializado no tratamento dixital de sinais e na aprendizaxe de máquinas (Machine Learning). Licenciado e doutor en Enxeñería de Telecomunicación, é catedrático de Universidade desde 1976 e tivo un papel decisivo na posta en marcha da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Ten publicadas máis de 400 contribucións científico-técnicas (artigos e relatorios) e exerce como consultor e avaliador para numerosos organismos e publicacións estatais e internacionais. Ata o de agora coordinou un centenar de proxectos e contratos de I+D e dirixiu varias decenas de teses doutorais. Recibiu o Premio Miguel Catalán 2019 da Comunidade de Madrid á traxectoria investigadora. É Académico Numerario da Real Academia de Enxeñería –da foi presidente de 2007 a 2011– e correspondente da Academia de Enxeñería de México. Ademais, recibiu doutoramentos honoris causa das Universidades de Vigo e San Pablo (Arequipa, Perú).

– Manuel de León (Zamora), licenciouse e doutorouse en Matemáticas pola USC, onde exerceu como docente ata incorporarse ao CSIC. Alí foi o encargado de fundar o Instituto de Ciencias Matemáticas (ICMAT), centro de excelencia Severo Ochoa. O seu traballo de investigación céntrase na xeometría diferencial, a física matemática e a xeometría mecánica, eidos nos que ten publicado uns 300 artigos de investigación e catro monografías. Foi tamén o fundador e director do Journal of Geometric Mechanics (American Institute of Mathematical Sciences) e desenvolve un intenso labor de divulgación das matemáticas. Dirixiu 11 teses doutorais en cinco universidades diferentes e foi vicepresidente da Real Sociedade Matemática Española, así como fundador e presidente do Comité Español de Matemáticas (CEMAT). É membro numerario da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e correspondente da Real Academia Canaria de Ciencias, así como Medalla da Real Sociedade Matemática Española.

PUBLICIDADE