A RAGC homenaxeará a Manuel Colmeiro y Penido no Día da Ciencia en Galicia
venres, 22 de setembro do 2023
A
Real Academia Galega de Ciencias
(RAGC) conmemora o Día da Ciencia en Galicia o vindeiro 4 de
outubro. Celebrará un acto central en Santiago, no Salón Nobre de
Fonseca, en homenaxe a Manuel Colmeiro y Penido, nomeado como
Científico Galego do Ano pola Academia pola súa “contribución ao
cambio económico e social en Galicia e España”.
Manuel
Colmeiro (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) licenciouse
en Dereito e doutorouse en Leis na facultade de Dereito da
Universidade de Santiago. Foi profesor de Economía Política e de
Dereito Político e Administrativo da USC desde 1840. Con tan só 29
anos foi nomeado catedrático de Economía Política e Dereito
Político e Administrativo na USC e de Dereito Político e
Administrativo na Universidad Central de Madrid, onde ocupou a súa
cátedra ata 1881.
A
finais de 1842 foi nomeado socio de mérito da Real Sociedade
Económica de Santiago, desde onde formou parte de comisións que
estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español,
a renda do sal, o establecemento dunha fábrica de sedas e algodóns
en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para
activar a construción de varias estradas na provincia.
Colmeiro
avogou pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a
propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao
mesmo tempo, dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, “este
cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico”. Non
é ata 30 anos mais tarde que se publica a primeira lei de redención
de foros e terían que pasar outros 50 ata que o sistema foral
quedara definitivamente abolido en Galicia.
Colmeiro
foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da
Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando
ademais a súa dedicación á Historia.
Durante
o evento, que comezará ás 12:00 horas, impartirá unha conferencia
en torno á figura do homenaxeado Juan Ramón Quintás, catedrático
de Análise Económica e académico da RAGC. Ademais, no transcurso
do acto proxectarase un vídeo centrado na súa traxectoria vital e
profesional. E farase entrega das cinco Medallas de Investigación de
Galicia que concede a Real Academia Galega de Ciencias.
O
Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que
pretende a promoción social da ciencia, salientando a vida e
actividades das personalidades que destacaron pola súa achega ao
desenvolvemento científico na nosa comunidade.