A RAGC lanza a nova convocatoria das súas Medallas de Investigación

xoves, 5 de xuño do 2025 S. P.

Poñer en valor a traxectoria consolidada de científicas e científicos en activo que desenvolven a súa actividade en centros de investigación da nosa comunidade é o obxectivo das Medallas de Investigación, premios que organiza e outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).
Indo aos galardóns, dicir que se entregarán cinco medallas, unha por cada sección da RAGC: Medalla Ángeles Alvariño González, no eido da Bioloxía e Ciencias da Saúde; Medalla Isidro Parga Pondal, en Ciencias Técnicas; Medalla Antonio Casares Rodríguez, no ámbito da Química e a Xeoloxía; Medalla Domingo García-Sabell Rivas, no eido das Ciencias Económicas e Sociais e a Medalla Enrique Vidal Abascal, en Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. O prazo da convocatoria estará aberto ata o 12 de setembro.
Dicir que as propostas poderán ser presentadas por polo menos dez profesores ou investigadores expertos en cada ámbito, por departamentos ou institutos, ou por centros de investigación de Galicia. Poderán ser avaladas conxuntamente por máis dunha entidade. Asemade, incorporaranse as candidaturas presentadas nos dous anos anteriores. As bases da convocatoria especifican que a proposta debe incluír un documento onde se describa a traxectoria investigadora e o impacto da mesma, así como un currículo abreviado da candidata ou candidato.
Cada unha das seccións da RAGC proporá tres candidatas ou candidatos, correspondendo a elección final á Xunta de Goberno da Academia, que valorará diferentes aspectos: a contribución á creación de coñecemento (salientando a promoción de liñas de traballo e a súa consolidación), a execución de proxectos ou contratos de investigación, os resultados publicados en libros e revistas ou rexistrados como patentes; a capacidade de formación (especialmente de doutoras e doutores), a creación dunha escola de investigación; ademais do impacto, considerando a transferencia dos resultados, o liderado en comités e redes españolas e internacionais e a inserción na sociedade científica internacional.
Engadir que as propostas remitiranse por correo electrónico a ragciencias@ragc.gal. As premiadas e premiados recibirán as súas medallas nun acto que se celebrará o 8 de outubro con motivo do Día da Ciencia en Galicia.