A RAGC promove un debate entre científicos novos e sénior con motivo da G-Night

venres, 29 de setembro do 2023 S. P.

No marco das celebracións da Noite Galega das Persoas Investigadoras 2023 (G-Night), a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) promove na tarde deste venres 29 de setembro un coloquio-debate baixo o título O meu futuro nunha carreira investigadora? Terá lugar ás 18:00 h no CiQUS da USC.
O encontro reunirá a investigadores mozos e sénior da Universidade de Santiago, que debaterán sobre os retos, atrancos e oportunidades que presenta a investigación na nosa comunidade. Estarán o profesor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal e académico da RAGC; Pablo Taboada, director da Escola de Doutoramento da USC; Alberte Regueira, axudante doutor de Enxeñaría Química; Andrea Núñez, investigadora de Filosofía; Stefania Barca, investigadora de Historia Contemporánea; e Javier Dubert, investigador de Microbioloxía e vogal de InvestiGal – Rede Galega pola Investigación.
A encargada de presentar e moderar o debate será María Loureiro, catedrática de Fundamentos da Análise Económica da USC e académica da RAGC, coordinadora desta iniciativa. A través desta actividade búscase incrementar o interese pola investigación e a ciencia, tendo en conta a diminución das vocacións científicas. Nesta liña, e tal como salienta a profesora Loureiro, “resulta moi enriquecedor achegármonos ás experiencias individuais e persoais de investigadores e investigadoras en distintos campos do coñecemento e con distintas vías de entrada na carreira investigadora”.