A RAGC recoñece un proxecto 4.0 para reducir as emisións dos motores

martes, 7 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

A Industria 4.0 e as posibilidades do cómputo de alto rendemento para o ámbito do motor (no camiño dunhas meirandes sustentabilidade, eficiencia e respecto polo medio ambiente) están presentes nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2017, que entrega cada ano a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), e cuxos destinatarios (nesta terceira edición) veñen de darse a coñecer. No certame, destinado a salientar as mellores prácticas impulsando coñecemento científico e tecnolóxico dende onde se “fai” ese coñecemento cara as nosas empresas, distinguiuse (co premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas) o labor de BorgWarner Emissions Systems Spain, filial española da multinacional Borgwarner, con sede en Vigo (Pontevedra) e responsábel, co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da UVigo, dunha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos. Os galardóns entregaranse en datas vindeiras en Compostela.

JPEG - 535.8 KB
Os premiados ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada

O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu no Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela, por un proxecto para pór en valor o sangue procedente dos matadoiros (a través da súa transformación en fariña de alta calidade).

JPEG - 162.3 KB
O equipo distinguido como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía

Na categoría de PEME, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspondeulle a HGBeyond Materials Science, proxecto xurdido ao abeiro da USC, impulsado por Lentimed e o Grupo I+D Farma da USC, e consistente no desenvolvemento de hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo (sendo o seu primeiro achado unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular).
Como dixemos, o premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recae en BorgWarner Emissions Systems Spain. O seu traballo co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo (UVigo) permitiulle desenvolver unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos. Este sistema será implantado en todas as fábricas que BorgWarner ten repartidas polo mundo. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos polo seu esforzo no eido da transferencia de tecnoloxía.
Segundo informa a RAGC, o proxecto galardoado consiste “nunha ferramenta de cálculo computacional que permite simular o comportamento dos sistemas de redución de emisións contaminantes para vehículos que a empresa fabrica”. Isto, engade a academia galega, “suporá unha vantaxe competitiva importante, dado que a normativa europea revisa continuamente á baixa os límites das emisións dos coches, polo que é determinante para o sector contar con solucións máis avanzadas e eficientes no menor prazo posíbel, coa garantía de que cumpren os requisitos establecidos”.
No capítulo de vantaxes concretas, o desenvolvemento recoñecido pola RAGC posibilita non só reducir a cifra de ensaios físicos para cada novo desenvolvemento ou modificación (probas que adoitan ser custosas e estenderse moito no tempo), senón tamén optimizar a capacidade de resposta e a fiabilidade. En virtude desta tecnoloxía, todos os centros de BorgWarner poderán testar cada novo sistema anticontaminación ou cada modificación dun existente, “de xeito rápido e económico”, a través de prototipos virtuais xerados por ordenador.

PUBLICIDADE