A Radio Galega afondará no dominio .gal este sábado

venres, 16 de maio do 2014 Marcus Fernández

Edita de Lorenzo, vogal da Asociación PuntoGal, ante os micrófonos da Radio Galega

O programa Banda Ancha da Radio Galega, galardoado hai poucos meses co Premio Especial EGANET, contará este sábado coa presenza de Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e vogal da Asociación PuntoGal, que aproveitará a celebración do Día das Letras Galegas e do Día Internacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información para dar conta dos anuncios realizados onte co gallo da posta en funcionamento da primeira páxina web creada baixo o dominio .gal, á vez que tamén realizará algún comentario sobre os estudos en Telecomunicación que se imparten en Vigo.
Edita de Lorenzo comentará os prazos e requisitos para o rexistros de páxinas web baixo o dominio .gal, que nos vindeiros meses vai supor toda unha revolución para a sociedade galega na Internet, contribuíndo a potenciar a nosa presenza na Rede, e instando non só á adopción do novo nome de dominio dende espazo xa existentes, senón tamén á creación de novos contidos para aproveitar as novas posibilidades que permite esta fiestra que dende a Internet se abre á nosa sociedade.
O programa tamén contará con Juanillo Esteban, coñecido entre outras cousas por dar voz ao Xabarín da TVG, quen compartirá coa audiencia os seus primeiros contactos coa tecnoloxía e o uso que fai actualmente da mesma. O espazo radiofónico completarase cunha breve entrevista con Carlos Pérez, da compañía coruñesa Cleventy, para comentar o lanzamento da aplicación EcoLuz, que permite consultar dun xeito áxil os prezos do subministro eléctrico a cada hora, para así poder planificar as nosas tarefas domésticas de maior consumo para minimizar os gasto neste concepto que cada día resulta máis gravoso para as economías familiares.

Edita de Lorenzo explicará na Radio Galega as condicións e prazos cos que poderá accederse ao rexistro dun dominio .gal

PUBLICIDADE