A Rapa das Bestas de Sabucedo dixitalízase a través dun proxecto audiovisual e turístico inmersivo
xoves, 25 de xuño do 2026
A empresa compostelá de consultoría turística LuXperience desenvolveu unha proposta de dixitalización arredor da Rapa das Bestas de Sabucedo que combina produción audiovisual inmersiva, ferramentas dixitais e unha nova ruta de sendeirismo. O proxecto busca achegar esta celebración ancestral, declarada Festa de Interese Turístico Internacional, a públicos que descoñecen o seu desenvolvemento e contexto cultural.
A iniciativa estrutúrase arredor de cinco vídeos curtos de menos de catro minutos, gravados con tecnoloxía de vídeo en 360 graos en 8K, cámaras de dron e equipos de cámara superlenta. Estas pezas constrúen un percorrido completo pola celebración, desde os preparativos na aldea ata o momento de maior intensidade no curro, permitindo unha aproximación inmersiva ao proceso no que participan veciños e veciñas de distintas xeracións.
O primeiro dos vídeos, O espírito da tradición, introduce a dimensión histórica e simbólica da festa a través dos seus protagonistas, que lembran a Rapa das Bestas como «unha forma de vida para nós, un vínculo sagrado entre homes, bestas e familias». A segunda peza, A chamada do monte, arrinca coa misa do alba e segue a subida cara ao monte, onde se atopan as manadas, incidindo na importancia de coñecer os códigos de comportamento para o manexo dos animais.
A terceira entrega, A baixada: o camiño a casa, acompaña o regreso das bestas á aldea, mentres que A chegada ao curro recolle o momento no que os animais se reúnen no recinto onde se realiza a rapa das crinas e os tratamentos básicos. A última peza, O clímax da tradición, céntrase na intensidade do encontro entre aloitadores e cabalos, subliñando a relación física e simbólica coa natureza nun contexto no que tamén participan nenos e nenas desde idades temperás.
O director e fundador de LuXperience, Andrés Rodríguez Canabal, sinala que o proxecto nace da necesidade de integrar os requisitos da licitación promovida por Turismo Rías Baixas coas demandas da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, incorporando unha visión turística orientada a visitantes que non coñecen a celebración. O obxectivo céntrase en facilitar unha comprensión máis ampla dun evento cunha forte carga identitaria e cultural.
A proposta complétase cunha ruta de sendeirismo circular de aproximadamente dez quilómetros que segue o percorrido habitual dos animais. O itinerario, de dificultade moderada, parte da igrexa de San Lourenzo e permite atravesar paisaxes naturais, xacementos de petróglifos e muíños restaurados. Todo o traxecto está sinalizado con paneis informativos que inclúen códigos QR para acceder a contidos adicionais.
A experiencia inclúe tamén unha aplicación móbil que permite consultar información detallada e seguir o percorrido desde o dispositivo persoal. Esta ferramenta complétase cunha nova páxina web dedicada á Rapa das Bestas de Sabucedo, desenvolvida por LuXperience xunto coa empresa compostelá Tesla Technologies & Software, que facilita a planificación da visita e o acceso a contidos sobre a historia e o patrimonio da zona, ademais dun museo virtual.
Rodríguez Canabal destaca a complexidade técnica do proxecto, que obrigou a coordinar nun prazo de catro meses a produción de seis vídeos en 360 graos, a creación da infraestrutura necesaria para a ruta e a coordinación entre distintos axentes implicados. O reto operativo combinou a produción audiovisual co desenvolvemento territorial e a xestión de expectativas das partes participantes.
