A Rede CeMIT comparte as súas estratexias ante as restantes redes estatais de alfabetización dixital

luns, 10 de maio do 2021 S. P.

A Rede CeMIT, liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e con presenza nunha chea de recantos da nosa xeografía (97 aulas en 91 concellos), vén de participar, mostrando os seus fitos e os seus obxectivos, no Encontro Nacional de Responsables de Redes de Competencias Dixitais, unha xuntanza organizada en formato online pola Asociación Somos Digital, comunidade da que a Rede CeMIT forma parte xunto con outras 13 redes de telecentros.
No encontro online de dous días os responsábeis de Redes de Competencias Dixitais presentaron os seus plans de futuro, así como exemplos de boas prácticas e leccións aprendidas. Nas sesións do encontro a representación galega puxo en valor o traballo realizado ao longo destes anos e mostrou as liñas estratéxicas dos seus proxectos futuros.
En concreto, a Rede CeMIT participou activamente tanto nas sesións do día 5 de maio como na do día 6 de maio para presentar os seus plans e visión estratéxica de cara aos vindeiros próximos dous anos no eido da inclusión dixital, as vocacións tecnolóxicas e as competencias dixitais en liña coa Estratexia Galicia Dixital 2030, así como para compartir co resto de redes presentes, as leccións aprendidas, especialmente, neste último ano marcado pola extraordinaria situación trala chegada da COVID-19.
Asemade, no encontro deuse visibilidade ás boas prácticas e proxectos de interese postos en marcha co obxectivo de que a experiencia da CeMIT “sirva de exemplo e inspiración para outras redes”.
Este acto contou ademais cunha completa axenda nas que destacan as intervencións como a de Clara Centeno, investigadora do Instituto de Prospectiva Tecnolóxico do Joint Research Centre (JRC-IPTS) da Comisión Europea ou Javier Miranda, responsábel da Área de Formación e Emprego de DigitalES que expuxeron as súas visións sobre as iniciativas da Comisión Europea no marco das competencias dixitais así como a situación actual do Sector TIC, respectivamente.
O encontro permitiu coñecer os plans e políticas a nivel europeo e nacional en materia de impulso de competencias dixitais, mostrar iniciativas nacionais interesantes que sexan de aplicación, intercambiar experiencias e boas prácticas das propias redes da Asociación, e poñer en común metodoloxías e recursos para ser reutilizados entre os diferentes socios.

PUBLICIDADE