A Rede CeMIT incorpora novo material accesíbel e inclusivo
xoves, 23 de maio do 2024
Axentes TIC da Rede de aulas CeMIT e representantes de diferentes asociacións que traballan con persoas con diversidade funcional participaron este xoves 23 de maio na xornada A Rede CeMIT derrubando barreiras cara a inclusión dixital, organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA. O encontro, celebrado no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura (Santiago), tiña como obxectivo “abordar o enfoque necesario para que o acceso á capacitación dixital das persoas con capacidades diversas sexa o máis efectivo e accesíbel posíbel desde esta rede de aulas públicas”, que, como lembraremos, está presente en preto dun centenar de concellos da nosa xeografía, actuando de espazos de formación TIC directamente encamiñados a combater a fenda dixital.
Na xornada estaban presentes o director de Área de Sociedade Dixital da AMTEGA, Miguel Rodríguez, e a secretaria xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias, Patricia Vilán. Durante o encontro, os axentes TIC tiveron a oportunidade de coñecer o material inclusivo rotatorio recentemente adquirido para a Rede CeMIT e que consiste en pantallas táctiles, ratos tipo panca, controladores de queixo, conmutadores de rato, teclados de alto contraste amplificado, teclados adaptados con liña braille, e brazos articulados universais.
Así mesmo, durante a actividade formativa levouse a cabo a doazón de diversos obxectos impresos en 3D á Asociación Sarela, que traballa con persoas con dano cerebral adquirido, e cos que se busca facilitar as tarefas cotiás de persoas con discapacidade tales como agarrar unha culler, atar as cordas dos zapatos ou extraer a pasta do tubo dentífrico.
Premios Axente TIC
Durante o transcurso da xornada tamén se fixo entrega dos Premios Axentes TIC da Rede CeMIT, na que se premiaron iniciativas dentro das categorías Espazo Maker e Maiores Dixitais. Estes premios buscan recoñecer o compromiso e a labor do persoal dinamizador da Rede.
Na categoría de Espazo Maker o primeiro premio foi entregado a Ana María Pérez Martínez, axente TIC da aula de Guitiriz, quedando en segundo lugar Víctor Manuel Galdo Gómez, axente TIC da aula de Cuntis. Así mesmo, dentro da categoría de Maiores Dixitais o gañador do primeiro premio foi José Manuel Rego López, axente TIC da aula de Castrelo de Miño, e o segundo premio recaeu en Laura Fernández Álvarez, axente TIC da aula de Celanova.