A Rede Galega de Ciberseguridade salta á palestra o 24 de maio

xoves, 18 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

Imos ter nova entidade profesional galega para velar na nosa terra pola salvagarda dos sistemas e da información. Trátase, para quen non o saiba, da Rede Galega de Ciberseguridade. Para informar polo miúdo dos seus cometidos e das súas actividades está prevista unha xornada de presentación o vindeiro 24 de maio en Santiago, no Centro ABANCA Obra Social, a partir das 10.00 horas. O acto non será un acto de presentación calquera, pois contará con diversas intervencións de expertos ao longo de toda a mañá que rematarán cunha mesa redonda e cunha xeira de networking (networking con tapeo) á hora do xantar. Intervirán, entre outros, representantes das nosas universidades, do CPEIG e do CPETIG.
As sesións darán comezo ás 10.00 horas coa presentación da Rede Galega de Ciberseguridade. Arredor das 10.15 será a quenda para dar conta dos obxectivos da entidade das actuacións previstas para este ano. Máis tarde, ás 11.00 horas intervirá Gonzalo Sotelo (responsábel da unidade de delitos tecnolóxicos da Gardia Civil de Pontevedra). Logo dunha pausa para o café ás 12.15 horas retómanse os relatorios coa presentación das actuacións da Rede en materia formativa e profesional. Nesta xeira participarán Enrique Costa Montenegro (Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Universidade de Vigo), Francisco Javier Nóvoa e Carlos Dafonte (Facultade de Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña), Fernando Suárez (Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, CPEIG) e Juan Luís Miguéns Ramos (Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia, CPETIG). Na mesa redonda prevista para as 13.00 horas está previsto que participen Carlos Pérez (ABANCA), Gustavo Herva (AMTEGA) e Susana Rey (Grupo R cable Euskaltel).
RGC, a Rede Galega de Ciberseguridade é un grupo creado en 2016 por profesionais da nosa terra para fomentar a concienciación e a profesionalización da protección dos datos e dos sistemas en Galicia. Os seus obxectivos son os seguintes: crear e manter unha listaxe de contactos que permita a relación e comunicación entre os membros do grupo; difundir contidos e información (novas, artigos, documentos, cursos) relacionados coa seguridade; e colaborar en iniciativas de formación e sensibilización en materias de seguridade da información en Galicia.

PUBLICIDADE