A Rede SmartPeme+ achega esta semana tres novos obradoiros de transformación tecnolóxica
luns, 22 de setembro do 2025
A Deputación de Pontevedra organiza esta semana tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 22 ao mércores 24 de setembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como a creación de marca, a economía circular e o posicionamento web, entre outros temas orientados a favorecer a transformación tecnolóxica das empresas.
O luns 22 de setembro celebrarase o obradoiro Branding verbal, crea marca coas túas palabras, a partir das 12.00 horas organizado pola oficina de Ponteareas. Coa exposición en redes sociais do contido de marca, cada vez é máis importante a maneira na que se transmiten as mensaxes. Deste xeito, o branding verbal convértese nun dos aspectos máis importantes na creación dunha marca, axudando a definir e transmitir as mensaxes a través dos diferentes medios para chegar a un nicho de mercado concreto dunha maneira próxima e adecuada. A sesión será impartida por Lara Taboada, licenciada en Estudos Artísticos de Deseño Gráfico con experiencia en fotografía de produto e composición fotográfica creativa, e as inscricións pódense realizar no formulario habilitado.
O martes 23 de setembro ás 12.00 horas celebrarase o obradoiro Economía circular coordinado pola oficina de Barro. Esta sesión abordará o modelo económico do futuro, deseñado para minimizar os residuos e maximizar os recursos. As persoas participantes aprenderán os seus principios básicos, os modelos de negocio que fan posible a circularidade e ferramentas prácticas para implantalo en proxectos da vida real. A sesión, que incluirá unha sección práctica para aplicar os conceptos e descubrir oportunidades de innovación sostible, será impartida por Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación, asesora e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en emprego e emprendemento. As inscricións pódense realizar o formulario dispoñible.
Por último, o mércores 24 de setembro tamén ás 12.00 horas a oficina do Porriño desenvolverá o obradoiro SEO para e-commerce. Posiciona a túa tenda en liña en Google. Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con máis de 8 anos de experiencia en desenvolvemento de proxectos web, ensinará como optimizar unha web de venda en liña e mellorar o seu posicionamento nos motores de procura cun enfoque práctico, amosando exemplos reais. As persoas interesadas poden inscribirse no formulario habilitado.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.
