A Rede SmartPeme+ achega esta semana tres novos obradoiros tecnolóxicos
luns, 15 de setembro do 2025
A Deputación de Pontevedra organiza tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do martes 16 ao xoves 18 de setembro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o deseño web con Wordpress, a importancia das páxinas de destino e o uso de Canva para mellorar a imaxe de marca, entre outros.
O martes 16 de setembro celebrarase o obradoiro Obradoiro de Canva para Comercio Local: Promociona a túa tenda coma un profesional, a partir das 11.00 horas organizado pola oficina de Lalín. As persoas participantes aprenderán a mellorar a imaxe de marca do seu negocio con Canva, creando folletos e publicacións en redes de maneira profesional. A sesión será impartida por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, con experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e imaxe corporativa, e as inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
O mércores 17 de setembro ás 12.00 horas terá lugar o obradoiro Consegue máis conversións coa Landing Page perfecta coordinado pola oficina de Pontevedra. Este obradoiro abordará a importancia das páxinas de destino como parte da estratexia de mercadotecnia dixital. A través de exemplos e empregando diferentes ferramentas, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona e cunha ampla experiencia na comunicación e no marketing dixital, amosará como mellorar as conversións. As persoas interesadas poden inscribirse no formulario habilitado.
Por último, o xoves 18 de setembro tamén ás 12.00 horas a oficina de Vigo desenvolverá o obradoiro Crea unha páxina profesional con WordPress I, no que María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo e con máis de 3 anos de experiencia en comercio en liña, ensinará as posibilidades que ofrece WordPress. As persoas participantes coñecerán os pasos para crear un sitio web profesional e optimizado con este xestor de contido e afondarán no seu deseño, desenvolvemento e xestión. As inscricións pódense realizar no formulario dispoñible.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.
