A Rede facilita o seguimento de Papá Noel en tempo real

martes, 24 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Cando chega o Nadal a tecnoloxía axuda nunha das cousas que mellor fai nos últimos tempos: o seguimento xeográfico en tempo real. Só que desta volta en vez de axudarnos a chegar co coche ao noso destino ou indicándonos cantas paradas fallan para que chegue un paquete ao noso domicilio, permite que os pequenos poidan saber por onde está a repartir regalos Santa Claus, axudando así a amenizar as horas de espera desta Noiteboa.
Curiosamente unha das entidades que se encarga de facer un seguimento da viaxe de Papá Noel é o Mando para a Defensa Aeroespacial Americana (NORAD), que realiza esta tarefa anualmente dende 1955, só que agora os pequenos xa non teñen que chamar por teléfono para informarse, senón que poden acudir directamente á páxina web de NORAD Tracks Santa para facer un seguimento en tempo real da zorra tirada por renos que percorre o noso planeta. Tamén podemos realizar o seguimento dende o móbil instalando a súa aplicación para Android ou para iPhone.
Na mesma liña, dende hai bastantes anos dende Google tamén contribúen a esta misión informativa, e no seu Santa Tracker non se limitan a amosar por onde está a voar Santa Claus, senón que completan o espazo web con numerosos contidos, que van dende mini-xogos até pequenas pezas informativas sobre a cultura do Nadal.
Cómpre lembrar que, este ano, como grande novidade, o ChatGPT incorporou temporalmente entre a súa selección de voces a de Santa, de xeito que se a escollemos na configuración do servizo de OpenAI poderemos deixar que os cativos da casa falen con el dende a web ou dende o móbil, contribuíndo así a vivir con máis ilusión a Noiteboa.

O NORAD leva dende 1955 informando sobre a localización de Papá Noel na véspera do Nadal