A Rede galega amosa a súa fonda preocupación perante o peche de Galicia Hoxe

martes, 28 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

Hoxe é un mal día para o galego. Un dos peores posíbeis. A desaparición recente de Vieiros e da edición en papel de A Nosa Terra cómpre engadir, agora, a caída do único xornal publicado enteiramente na nosa lingua: Galicia Hoxe. A triste nova, que xa anunciamos onte en Código Cero, colleunos a moitos coa garda baixa. É inevitábel pensar que as cousas non poden empeorar, pero si. Moita xente pensará que a fin de Galicia Hoxe en papel (non así na Rede, onde semella que seguirá activo, coma A Nosa Terra) non ten tanta importancia, que é un proceso natural das cousas do libre mercado. Pero coidado, non semella moi natural que non podamos gabarnos como pobo de ter, como mínimo, unha publicación diaria en galego. As mostras de preocupación na Rede polo peche e polo despedimento dos dezanove xornalistas e filólogos que traballaban na redacción non se fixeron agardar.
Para comezar, dende a propia sede de Galicia Hoxe, integrada no Grupo Correo Gallego, que hoxe abre a portada da súa web cunha despedida e cunha explicación dos motivos que levaron a esta situación, motivos que segundo apuntan os responsábeis do medio teñen que ver co “radical recorte das axudas institucionais, que converten en inviábel o proxecto do único xornal en galego”. Con todo, e tal e como dixemos, os sinais de preocupación non proveñen só da redacción de Galicia Hoxe, senón que son unha tónica común da Rede galega por enteiro. Por sinalar uns cantos exemplos, dende a web do Consello da Cultura Galega fálasenos das circunstancias tan negativas polas que está a pasar a prensa en galego, facéndose fincapé a situación crítica que supón para o noso pobo non contar coa presenza dun medio como o devandito, que ademais de terse esforzado pola promoción e normalización do idioma, desenvolvía un gran traballo dende o punto de vista puramente informativo. En termos semellantes móvense as novas e as editoriais publicadas hoxe por A Nosa Terra, un medio que xa pasou hai uns meses polo mesmo triste proceso e que, con todo, segue a resistir na Internet, oxalá que con vistas a regresar aos quioscos.
As voces de malestar co peche de Galicia Hoxe non veñen só de medios dixitais, senón tamén de asociacións profesionais como o Sindicato de Xornalistas, que pide medidas institucionais de apoio ante a preocupante situación na que estamos a vivir con medio centenar de xornalistas de medios en galego arestora sen traballo logo do peche dos seus respectivos medios. En termos semellantes exprésanse a Asociación de Xornalistas de Santiago de Santiago de Compostela, que lamenta fondamente a desaparición do xornal Galicia Hoxe e da perda de 19 postos de traballo, circunstancia que frustra, unha vez máis, “os intentos positivos para a pervivencia do xornalismo en xeral e do xornalismo en galego en particular”. E continúa: “A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela quere amosar a súa solidariedade con tódolos xornalistas e traballadores do Galicia Hoxe, que nestes momentos se ven abocados a una difícil situación, por este motivo, a APSC solicita que a empresa lles facilite solucións alternativas”.
Nesta liña tamén se move o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), que se laia do peche da versión en papel do medio galego, “que deixará de estar nos nosos quioscos como consecuencia, sinalan na súa propia web, da crise económica e radical recorte das axudas institucionais".
Ademais, o CPXG manifesta a súa profunda preocupación polo despedimento dos seus dezanove traballadores. Ao seu xuízo, a desaparición do xornal en papel é unha mala nova para a profesión, pero tamén para o conxunto da sociedade, que perde moito en pluralidade informativa e, neste caso, un medio de referencia en galego. E continúa o Colexio na súa páxina web: “A notificación de despedimento para os 19 traballadores resulta especialmente preocupante e lamentable, dado o feito de que desde xaneiro de 2011 aceptaron un ERE que xa viña mirrando as súas horas de traballo e salario; o CPXG quere, neste sentido, facer un chamamento ás empresas para que se impliquen na defensa dos empregos en condicións laborais dignas nunha situación de crise económica que está a golpear ao sector xornalístico e con especial dureza aos periodistas”.
O cese da edición en papel de Galicia Hoxe foi alén das páxinas estritamente dedicadas á defensa da profesión xornalística, de feito chegou ás redes sociais 2.0, sendo o caso de Twitter un dos máis salientábeis, onde a nova do peche chegou ser tema do intre (Trending Topic), polo que queda máis que manifesta a repercusión que está a ter este triste acontecemento na Internet.
Especialmente crítica con esta situación tan negativa para a comunicación en galego é a páxina de Galicia Confidencial, onde se sinala que coa perda de Galicia Hoxe a nosa terra perde, e moito, en diversidade informativa, quedando as canles de comunicación que teñen certa envergadura en mans dun “cuasimonopolio da prensa de dereitas”.
A nova tamén está a ter repercusión política, xa que o BNG emitiu dende o seu sitio en liña un comunicado no que se fala de “empobrecemento ca calidade da democracia” e se lle pide ao Goberno galego que contribúa a poñerlle freo a este proceso.
Para quen queira albiscar nos motivos que levaron a Galicia Hoxe a esta situación, Xornal.com publica este martes unha completa entrevista con Caetano Díaz, director do medio de comunicación, xusto hoxe mergullado na súa xornada máis triste, ás portas do peche aínda que coa satisfacción, que non lle pode quitar ninguén, de ter feito o mellor dos traballos posíbeis, a prol do xornalismo, da nosa cultura e do noso pobo por enteiro.


Derradeiro número de Galicia Hoxe

PUBLICIDADE