A Rede galega comeza a envorcar esforzos arredor de Antón Fraguas

mércores, 17 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Vaise achegando o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, e da mesma maneira que se aproxima esta data tan sinalada, achégase tamén, á mesma distancia e co mesmo ritmo de chegada, a conmemoración internacional da Día da Internet. Esta feliz confluencia entre a nosa cultura e os díxitos, por unha banda, e entre o local e o universal, pola outra, convídanos polas súas implicacións a facer un repaso pola cobertura que lle está dando a Rede á celebración do escritor homenaxeado este ano nas Letras Galegas.
Estamos a falar de Antón Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999), historiador, etnógrafo e profesor, amais dun dos principais reivindicadores da nosa cultura e do galego como lingua perfectamente válida para todas as vertentes sociais, culturais, políticas ou científicas, e tamén, agora máis ca nunca (e con máis razón), tecnolóxicas.
Entre os recursos referencias para recadar información sobre o homenaxeado figura o portal (academia.gal) da Real Academia Galega, en cuxo pleno do 7 de xullo do ano pasado acordouse adicar a Fraguas o Día das Letras. A web serve como recurso actualizador da información que de continuo se está a xerar sobre o autor, tanto a nivel dixital como offline (actividades presenciais de todo tipo en diferentes recantos da nosa terra). Fálase estes días de exposicións sobre o historiador de Cotobade (como a que ten lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago), de accións de divulgación (como a Semana Cultural do IES Antón Fraguas) ou de festividades e celebracións (como o Entroido de Cerdedo-Cotobade). A RAG tamén contribúe a todo este coñecemento (cunha meirande atención á nenez e á xuventude) co espazo dixital Primavera das Letras.
Sen dúbida outra das ferramentas máis indicadas para achegarnos ao homenaxeado é o portal Lingua.gal, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, onde se nos fornece, ademais, dun recurso de gran utilidade para estudantes, investigadores ou calquera internauta en xeral que queira afondar no coñecemento da nosa cultura: a relación detallada e sintetizada de todas as escritoras e escritores honradas e honrados na festividade do 17 de maio, dende que esta existe.
E, como vén sendo costume, o duplo portal do Consello da Cultura Galega, dispoñíbel en www.consellodacultura.gal e máis www.culturagalega.gal, será estes días plataforma informativa referencial sobre o autor e as actividades de recoñecemento programadas, amais de ser, en si mesma, orixe de homenaxes e achegamentos á vida, traxectoria e legado do historiador.
A estas canles e portais cómpre engadir (ente outras moitas) as contribucións dos espazos dixitais da Galipedia (coas entradas actualizadas do Día das Letras e de Antón Fraguas), do Concello de Cerdedo-Cotobade ou dos medios dixitais Galicia Confidencial, Praza Publica, a CRTVG, La Voz de Galicia ou Sermos Galiza, entre outros. A todas estas importantes achegas hai que sumar, tamén, a da páxina da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a AELG.

O legado de Fraguas

Tal e como nos lembra a RAG dende o seu portal Antón Fraguas foi membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, amais de historiador, etnógrafo, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, Antonio Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999) dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria.

PUBLICIDADE