A Rede galega comeza a homenaxear a Carlos Casares

luns, 6 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

A web da Primavera das Letras 2017, adicada ao mundo creado polo autor de Vento Ferido

Este é o ano de Carlos Casares (1941-2002), o inmortal creador de obras tan senlleiras como Vento ferido, Os escuros soños de Clío o O sol do verán, por citar só algunha das moitas xoias que achegou o homenaxeado ao ámbito da narrativa galega. Como lembraremos, a Real Academia Galega decidiu adicarlle a festa das letras de 2017, a festividade do 17 de maio, e isto xa se está deixando notar na Rede. E tanto que é así. A RAG, sen ir máis lonxe, ten xa activa dende comezos de ano un espazo biográfico adicado a Carlos Casares. Neste espazo forneceranse reportaxes, entrevistas e outros contidos arredor da súa vida e obra, como por exemplo os publicados sobre Vento ferido o pasado 10 de febreiro, xusto cincuenta anos despois de que se acabase de imprimir o primeiro libro do autor.
Ademais disto, o Consello da Cultura Galega prepara a edición dun CD-Audio a partir das gravacións coa voz de Carlos Casares e a dispoñibilidade dunha manchea de recursos web con orixe “no numeroso material da institución” sobre o autor de Ilustrísima.

A remodelada páxina web da Fundación Carlos Casares

Por outra banda, lembrar que a Fundación Carlos Casares estreou páxina web na recta final de 2016. Podémola ver en fundacioncarloscasares.org, achegando unha manchea de recursos educativos e xanelas para achegarnos ao escritor ourensán.
Volvendo á RAG e as actividades dixitais relacionadas con Carlos Casares, lembrar que o pasado realizou unha presentación de especial significado, tanto para a propia entidade como para as nosas letras: a presentación no CEIP Carlos Casares de Nigrán da web Primavera das Letras 2017, adicada autor ourensán. No acto, que se desenvolveu na biblioteca do centro (perante a presenza da galiña azul que lle deu nome en 1968 ao primeiro libro infantil do escritor homenaxeado), fíxose fincapé na importancia do lugar elixido para a presentación, a localidade de Vilariño, “o lugar onde o escritor estableceu o seu fogar en 1983 e onde escribiu unha parte importante da súa obra”.
Este primeiro acto da programación deseñada pola RAG arredor do Día das Letras Galegas de 2017 serviu como dixemos para facer un percorrido pormenorizado por primaveradasletras.gal, web que a Academia inzou as semanas pasadas de contidos arredor de Casares, incorporando un variado feixe de recursos para que o profesorado de infantil e primaria, os pais e nais, e sobre todo o propio alumnado, poidan acceder a propostas didácticas e lúdicas, parte delas interactivas, para se mergullar no universo literario e vital do escritor.
Segundo informou a RAG, as actividades de Primavera das Letras 2017 deseñáronse “cun enfoque interdisciplinario e están relacionadas con distintos contidos do currículo escolar, de tal xeito que permiten traballar na aula, ou na casa, non só aspectos lingüísticos e literarios, senón tamén contidos e competencias de coñecemento do medio natural e social, historia ou educación artística”.
Unha das grandes novidades desta segunda edición da Primavera das Letras é un concurso para que os centros de ensino poidan contarlle á RAG como celebran o Día das Letras Galegas. Lembrar que a primeira entrega deste proxecto foi adicada ao poeta Manuel María.

PUBLICIDADE