A Rede réndelle homenaxe á creatividade

mércores, 23 de maio do 2012 Raquel Noya

Homenaxe de Google a Robert Moog

A vida dáche sorpresas... sorpresas dáche a vida; sorpresas como a que nos atopamos hoxe pola mañá ao abrir o buscador de Google, onde lle podiamos dar renda solta á nosa creatividade e montar pezas musicais ao noso gusto, nun peculiar sintetizador que o xigante americano deseñou para renderlle homenaxe ao seu creador, Robert Moog.
Ou sorpresas como a que atopamos un intre máis tarde na Rede, rebuscando entre tódolos blogs habidos e por haber á procura de xente creativa da talla do creador de Mario Bros, Shigeru Miyamoto, por citar un, que tamén para sorpresa de moitos será galardoado co Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades 2012.

Creación da ilustradora galega Marta Álvarez

Ó que imos, que a estas dúas sorpresas iniciais temos que engadirlle a do achado do blog dunha ilustradora galega que desborda talento polos catro costados, da que nos poden soar algunhas creacións, sobre todo se temos fillos pequenos na casa, pois ten realizado traballos para as editoriais Santillana, Oxford University press, Alfaguara, Obradoiro ou Galaxia, entre outras moitas, nas súas edicións de literatura e libros de texto infantís.
Falamos de Marta Álvarez, unha galega afincada en Santiago de Compostela, que non aforra unha miga de creatividade cando se trata de ilustrar para os máis cativos da casa, e de facer que a súa imaxinación (a estrear) chegue tan lonxe como chega a dela na escolla das cores e das formas para a súas ilustracións.
Dunha maneira maxistral que domina como ninguén, esta artista mestura o seu talento natural coa perfección que lle aportan as ferramentas tecnolóxicas, e o resultado salta á vista no seu portfolio: é inmellorable.
Dende logo, a partir de agora, nós persoalmente poremos máis atención no traballo que hai detrás de cada ilustración que agocha cada libro que nos pasa polas mans, e que a ben seguro, se a lectura pide renderlle unha homenaxe á creatividade, as ilustracións non serán para menos, sobre todo se veñen da man desta artista como a copa dun pino.

PUBLICIDADE