A Ruta Rosaliana será obxecto dun programa integral de sinalización intelixente

xoves, 10 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A liña xeográfica, de gran interese turístico, que vai dende as portas do Barbanza, en Dodro, até Compostela, vai contar con tecnoloxías que permitan mellorar a experiencia dos viaxeiros e, tamén, dos residentes. O treito en cuestión, polo que discorre a Ruta Rosaliana (pasando polos concellos de Ames, Brión, Padrón, Dodro e Santiago), vai ser o escenario onde se desenvolva un proxecto de sinalización turístico-intelixente da man da Deputación da Coruña e dos devanditos Concellos. O obxectivo, en palabras da entidade provincial, “é mellorar a imaxe, modernizar o sistema de datos e facer máis accesíbel un recurso de especial interese turístico creado arredor do territorio biográfico e literario de Rosalía de Castro”.
O alicerce do proxecto será un convenio de colaboración intermunicipal que impulsará a incorporación de tecnoloxías como os códigos QR (para ofrecer información online de recursos e mapas) e beacons (dispositivos miúdos dispostos con capacidade para ofrecer produtos e servizos personalizados a través do teléfono móbil, ampliando a posibilidade de facer reservas en aloxamentos, restaurantes e actividades antes da viaxe ou no destino).
En palabras do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, “a iniciativa dotará dunha tecnoloxía avanzada a turistas dixitais que queiran recibir a información nos seus dispositivos e poidan acceder a servizos para a preparación da súa viaxe”. Na súa opinión, a Ruta Rosaliana é un recurso de especial interese cultural e turístico que ten unha grande potencialidade e “queremos que se adapte aos novos sistemas de información e comunicación de maneira que se amplíe a súa difusión e a súa accesibilidade".
A iniciativa abrangue a análise e diagnóstico da situación actual da ruta e a elaboración do plan director da sinalización e o desenvolvemento do novo sistema de destino turístico intelixente conectado.

PUBLICIDADE