A SD Compostela e Turismo de Galicia organizan as segundas xornadas Tecnoloxía e Deporte
mércores, 19 de marzo do 2025
A SD Compostela, en colaboración con Turismo de Galicia, organiza a segunda edición das xornadas Tecnoloxía e Deporte. O evento, de acceso gratuíto e previa inscrición, celebrarase este xoves 20 de marzo, ás 18.30 horas, no Auditorio do Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.
Nesta segunda edición contarase coa presenza de dous grandes expertos que falarán sobre como a tecnoloxía vai camiño de revolucionar o deporte: por unha banda Miguel Ángel Leal, director xeral de La Liga Tech de 2021 a 2024; e pola outra Lalo García Torres, director executivo (CEO) de HubIN, co-fundador de Galicia Sportech Congress e de CeltaLab1923.
Con eles dous abordaranse os novos camiños que abren as tecnoloxías máis avanzadas no mundo do deporte, preparando o camiño para “unha nova era que permite ás entidades deportivas ser máis eficientes, con procesos preditivos que eran impensábeis ata fai moi pouco tempo”, sinalan dende a organización.
Miguel Ángel Leal impartirá o relatorio Casos de uso da Intelixencia Artificial no mundo do fútbol, mentres que Lalo García ilustrará aos presentes coa conferencia Data Analytics no fútbol profesional.
Ademais, neste evento aberto a todo o mundo, e do mesmo xeito que na primeira edición das xornadas Tecnoloxía e Deporte, a organización pechará o acto cunha mesa redonda, na que o público asistente poderá dialogar e intercambiar opinións cos dous relatores.
Miguel Ángel Leal
Directivo con máis de 25 anos dedicado ao mundo da tecnoloxía, como elemento de creación de valor nas organizacións. Desenvolveu funcións de liderado no sector do deporte, primeiro como director executivo de LaLiga Tech e posteriormente como director de Tecnoloxía e Innovación de LaLiga. É investidor en novas firmas innovadoras (startups) multisectoriais, como Nexkin Medical Microviable Therapeutics ou Tadia.ai. Ademais, é membro do Consello Asesor de CIONET e ZeroNet IT.
Lalo García Torres
Profesional vencellado ao emprendemento desde 2005 como socio Fundador en Knowledge Investors (Aceleradores de Innovacion). A través da súa experiencia, xestiona programas de innovación aberta, como CeltaLab1923 ou Abanca Innova, así como un catálogo de máis de 90 startups, ademais de organizar os principais eventos de innovación desenvolvidos en Galicia.