A SETEC do Colexio Fogar Afundación abordará a realidade laboral da robótica e a electrónica

venres, 31 de xaneiro do 2025 S. P.

O Centro de Formación Profesional Colexio Fogar Afundación acollerá a vindeira semana, do 3 ao 7 de febreiro, a súa XVIII Semana Técnica (SETEC), este ano co lema Somos futuro. Nela participarán profesionais de empresas de toda España, co obxectivo de poñer aos seus estudantes en contacto coa realidade laboral. Reparación de dispositivos electrónicos, futuro das renovábeis, robótica, internacionalización, videovixilancia e privacidade, robots colaborativos, a electrónica no naval, ICT e fibra óptica, homologacións de soldaduras, imaxe corporativa ou oportunidades de negocio no sector gráfico son algúns dos contidos que se desenvolverán nos relatorios e demostracións programadas para as cinco xornadas da SETEC.
Dende Afundación (Abanca) destacan a presenza este ano de temática vinculada coa robótica e coa liña internacional, en sintonía cunha pauta de actuación do centro que, nos últimos anos, está guiando unha parte relevante das accións, desde proxectos de intercambios Erasmus ata e-twinning.
O programa inclúe, ademais, actividades de temática xeral que se centrarán no acceso ao mercado laboral, o autoemprego e a motivación emprendedora. Así mesmo, co gallo da Semana Técnica, cada departamento do centro organizará tamén unha serie de relatorios, exposicións, visitas técnicas a empresas e demostracións levadas a cabo por recoñecidas compañías e profesionais do ámbito industrial. O obxectivo desta proposta é “facilitar a incorporación á vida laboral e ofrecer unha visión clara e veraz do contexto que van atopar os futuros graduados”.
O Centro de Formación Profesional Colexio Fogar Afundación de Vigo é un centro de referencia na formación de profesionais e na súa inserción laboral que busca formar estudantes competentes, comprometidos coa súa contorna e flexíbeis ante os cambios do mercado laboral. Nel impártense un total de 9 titulacións de ciclos formativos, seis de grao medio (Preimpresión dixital, Impresión gráfica, Soldadura e caldeiraría, Mecanizado, Instalacións eléctricas e automáticas e Instalacións de telecomunicación) e tres de grao superior (Programación da produción en fabricación mecánica, Automatización e robótica industrial e Mantemento electrónico).