18 anos de Sala Nasa dan para moito. Con todo, tendo en conta que neste escenario en concreto nunca debeu ficar nada pendente por dicir, case semella un proceso natural que a sala bote abaixo os seus límites físicos no bairro compostelán de San Lourenzo e se decida a envorcar na Internet todo o rexistrado audiovisualmente nese tempo. Así nolo contou esta semana Xesús Ron, comandante da Sala, quen nunha completa reportaxe de Xornal como identifica a posta en marcha deste proxecto tecnolóxico-audiovisual cun retrato das artes escénicas galegas das últimas décadas tan bo coma calquera outro. A iniciativa, como é de agardar, non vén soa. Acompáñase da televisión-web redenasa.tv, proposta en liña que dá acubillo a estes contidos e que vén de comezar a súa andaina. O comezo non é un comezo calquera: ofreceralle á comunidade internauta seiscentas horas de gravacións de todo tipo de actividades desenvolvidas na sala: música, arte ou teatro.
O froito de todo isto está nas moitas cintas de VHS e mini-dv que se tiñan gardadas no almacén e que logo dun proceso de recuperación e dixitalización (no que foi preciso desbotar ata un 15% do gravado, por estar as cintas en mal estado), irá envorcándose devagar pero sen pausa na devandita páxina web.
A xuízo dos responsables, o arquivo non se vai pór na Rede de golpe nin será un museo, pero si un espazo “vivo” que se manteña aberto á participación. De feito, a web vai dirixida a ofrecerse tamén coma unha rede social, onde os usuarios e usuarias poderán achegar as súas imaxes ou vídeos ou subministrar comentarios e consellos sobre aquel espectáculo ou obra que non se pode deixar de ver.
Entre o máis salientable do agora recuperado, por citar algúns exemplos arestora de actualidade, atópase a primeira visita á nosa terra dos míticos Mano Negra, o grupo liderado por Manu Chao, ou os comezos escénicos do galego Luís Tosar. Por certo que detrás da iniciativa de desenvolvemento en liña e deseño atópase a empresa galega A Navalla Suíza, da que falamos recentemente nesta web para dar conta dun importante premio obtido na cidade francesa (que non a galega) de Cannes. A nova achega da Nasa únese á páxina oficial da sala, dispoñible dende hai anos como un caderno de bitácora no que se veñen dando conta polo miúdo de quen actúa, cando e en que circunstancias.
A Sala Nasa envorcará na rede 600 horas de gravacións dos seus espectáculos
Compartir Este Artigo

