A Secretaría Xeral da Lingua convoca unha nova edición de Nós tamén creamos!

mércores, 24 de setembro do 2025 S. P.

A Secretaría Xeral da Lingua puxo en marcha, outro ano máis, o programa infantil e xuvenil Nós tamén creamos!, unha iniciativa para incrementar o uso do galego entre as xeracións máis novas e fomentar a súa presenza nos centros de educación infantil e primaria a través da creatividade e da incorporación das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) nas aulas, máis en concreto, mediante a creación de curtametraxes en galego coa técnica stop motion.
O programa ofertado a través do Plan Proxecta inclúe unha dotación de libros infantís en galego para cada centro seleccionado, así como formación e asesoramento ao profesorado para que poida realizar co alumnado curtas de animación baseadas nos libros proporcionados.
O concurso Nós tamén creamos! vén con catro categorías: Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria, 3º e 4º e 5º e 6º de Primaria. Desenvólvese en colaboración coa Televisión de Galicia (CSAG) e OQO Editora. As curtas premiadas publícanse na web da SXL e na aplicación Xabarín da entidade galega e isto incrementa o seu efecto positivo na promoción da lingua galega, que non se restrinxe ao ámbito de cada centro, senón que chega a un público moito máis amplo, mesmo de fóra da Comunidade Autónoma.
Premios da anterior edición
Os galardóns da anterior edición (2024-2025) foron entregados o pasado 18 de xuño polo conselleiro de Cultura, José López Campos, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García. A gala desenvolveuse no Centro Galego de Arte Contemporánea e alí, Campos e García loaron o valor do audiovisual como “unha ferramenta con grandes posibilidades para potenciar a creatividade, e en galego, entre os escolares da Comunidade”. Na edición participaron 29 centros de educación Primaria de toda Galicia, que presentaron un total de 35 curtametraxes.
En total, galardoáronse seis centros educativos de Primaria xa que, en dúas das catro categorías existentes, a calidade dos traballos presentados propiciou que se lles concedesen accésits.
O primeiro galardón da categoría de 2º ciclo de Educación Infantil foi para o proxecto Árbores no camiño, do colexio Xesús Golmar, de Lalín (Pontevedra) e déuselle un accésit a O avó de Zulaimar, do Xosé Manuel Folla Respino, de Vilamartín de Valdeorras (Ourense).
O premio para 1º e 2º de Educación Primaria foi parar ao audiovisual Valentina, do centro Alfonso Rodríguez Castelao, de Vigo (Pontevedra). Nesta categoría, tamén se decidiu entregar un accésit ao audiovisual Coas mans baleiras, do colexio da Espiñeira-Aldán, de Cangas (Pontevedra).
Na categoría de 3º e 4º de educación Primaria, o primeiro premio recaeu en Navega, caracol, da escola Emilia Pardo Bazán, na Coruña, mentres que o máximo premio na distinción de 5º e 6ª de Primaria foi para o colexio Santo André de Xeve, en Pontevedra, pola adaptación a curtametraxe do album ilustrado O avó Zulaimar.