A Secretaría Xeral da Lingua impulsa obras dixitais centradas na figura de Castelao
venres, 2 de maio do 2025
A Xunta, a través da Secretaría Xeral da Lingua, divulgará a figura e o legado de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a través dunha decena de publicacións ao longo deste 2025, dentro das accións da programación do Ano Castelo, co que o Goberno galego conmemora o 75 aniversario do ilustre escritor, debuxante e político rianxeiro. Así o deu a coñecer esta semana o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación dunha destas obras, Celebrando a Castelao. O artista polifacético, de Rubén de Lis.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude considerou “máis que necesarias” este tipo de publicacións para “seguir espallando e preservando” a vida, obras e achegas artísticas, intelectuais e políticas “dun dos nosos persoeiros máis senlleiros e que marcou un antes e un despois da historia de Galicia”.
Por estes motivos, Valentín García anunciou que, ademais desta obra de Rubén de Lis, da que gabou a súa “habilidade para construír unha interpretación emocional e artística da figura de Castelao”, o Goberno galego apoiará a publicación, por vez primeira na historia, da dúas edicións da emblemática obra teatral Os vellos non deben de namorarse.
A Secretaría farao en colaboración coa Deputación de Pontevedra, a Fundación Castelao e Galaxia. Precisamente, con esta editorial, que tamén está a celebrar os seus 75 anos de existencia, levará a cabo a publicación da correspondencia inédita do escritor de Rianxo.
Ademais destas dúas obras, o Goberno galego apoiará a edición dos discursos institucionais de Castelao da man da Fundación Castelao e tamén levará a cabo a dixitalización da documentación sobre o Estatuto de 1936, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento. Engadiranse á esta listaxe de publicacións prevista ao longo deste ano, a incorporación de fondos dixitalizados sobre o autor de Sempre en Galiza na Biblioteca dixital de Galicia, Galiciana.
O secretario xeral da Lingua incidiu na relevancia destas publicacións para “manter vivo o seu imprescindíbel legado”, sobre todo entre as xeracións máis novas, “onde a súa obra serve de un faro sempre acceso e referente imperecedoiro sobre o respecto e amor pola lingua e pola nosa cultura”, concluíu.