A Secretaría Xeral da Lingua porá en marcha os exames CELGA en liña este ano
mércores, 14 de maio do 2025
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua, informou de importantes avances no procedemento técnico para levar a cabo as probas CELGA, que acreditan o dominio do galego, a distancia e a través da Rede. A intención é poder levar a cabo este proxecto piloto para o nivel 4 despois do verán. Así o afirmou este mércores 14 de maio o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, onde deu conta das liñas de actuación do Goberno autonómico para fomentar o uso social, o coñecemento e o prestixio da lingua.
Con respecto a ditos exames, García explicou que “Galicia será a primeira Comunidade das que contan con idioma cooficial en implantar este tipo de probas de maneira telemática”. Así, destacou, “continuamos a abrir portas de cara a potenciar a presenza do galego na sociedade con novas oportunidades para certificar as competencias na lingua, sobre todo entre as persoas que non a tiveron como lingua nai”. Deste xeito, dixo, “estes exames, que ata o de agora só son presenciais, supoñen unha boa ferramenta para afianzar o interese pola aprendizaxe do galego, apostando pola formación, tendo en conta que Galicia recibiu nos últimos cinco anos máis de 115.000 persoas chegadas de fóra da Comunidade”.
O secretario xeral tamén lembrou que a Xunta tramitou este ano máis de 2.400 matrículas para a realización dos CELGA en todos os seus niveis, “de feito, esta pasada fin de semana examináronse do nivel 4 en Santiago de Compostela 1.155 persoas, ás que se suman 224 en Ponferrada e 70 en Madrid, outros dos puntos onde se poden validar as competencias lingüísticas”.
Durante a súa intervención, Valentín García fixo fincapé na tramitación do novo decreto polo que se regula a tradución e a interpretación xurada doutras linguas para o galego e viceversa. Ao respecto, puntualizou que desde o seu departamento “estase a elaborar un novo texto, xa que os estudos universitarios derivados da implantación do Plan Boloña aconsellan unha nova regulación”. Así, segundo expuxo, nese novo decreto regularanse as probas de acceso á profesión co obxectivo de convocalas para o ano 2026, ademais da habilitación directa se se cumpren unha serie de requisitos.
Aínda no ámbito da formación, o secretario xeral da Lingua volveu incidir nos cursos de lingua e cultura galegas dirixidos á poboación procedente de fóra de Galicia e asentada na Comunidade e que están destinados “a fomentar a súa integración e inclusión efectiva, dado que aprender o idioma e o contexto do territorio de acollida é fundamental”. Neste momento, tal e como aclarou, están en trámite convenios para pór en marcha nas vindeiras semanas 46 cursos con Cáritas Federadas e con Cáritas Diocesana de Lugo, mentres se manteñen conversas con outras entidades para chegar ao maior número de poboación. A eles súmanse os cursos deseñados especificamente para certos sectores profesionais, como o da xustiza, o da sanidade e o da Administración Pública.