A Secretaría da Lingua comparte o palmarés da 12ª edición de Nós tamén Creamos!

luns, 8 de xullo do 2024 S. P.

Os días pasados a Secretaría Xeral da Lingua que dirixe Valentín García compartiu o palmarés da edición 2023-2024 do certame Nós tamén Creamos!, impulsado para “incrementar o uso do galego entre as xeracións máis novas” e “fomentar a presenza do galego nos centros de educación Infantil e Primaria a través da creatividade e da incorporación das TIC nas aulas, máis en concreto, mediante a creación de curtametraxes en galego cos técnica de stop motion”.
Esta 12ª edición, que veu coa novidade dunha ampliación no número de categorías (que pasaron de ser tres a catro, incluíndo na nova categoría os cursos de 5º e 6 de primaria), foi novamente organizada pola Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e OQO Editora.
A comisión de selección, logo de avaliar as curtas presentadas á XII edición de Nós tamén creamos!, resolveu outorgar os seguintes galardóns:
Categoría 1: 2º ciclo de educación infantil
1º Premio: Caracola, da EEI do Vao, de Poio (Pontevedra).
Accésit: Quen levou o pemento de Padrón, das EEI da Escravitude, Pontecesures, Arretén e Extramundi de Arriba, Padrón (Pontevedra).
Categoría 2: 1º e 2º de educación primaria
1º Premio: Quen levou a Lúa?, do CEIP Carlos Casares, de Nigrán (Pontevedra).
Categoría 3: 3º e 4º de educación primaria
1º Premio: Quen levou a Lúa?, do CEIP Igrexa-Calo, de Teo (A Coruña).
Accésit: Chocolata, do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, do Barco de Valdeorras (Ourense).
Categoría 4: 5º e 6º de educación primaria
1º Premio: O que ten que aprender un cempés, do CEIP Viñagrande-Deiro, de Vilanova de Arousa (Pontevedra).
Accésit: A sopa queima, do CEIP Ramón Otero Pedrayo, da Laracha (A Coruña).

Curtas baseadas en libros

Nesta edición, as curtas debían estar baseadas nalgún dos seguintes libros en galego de OQO editora, que se lles envían aos centros educativos participantes no certame e no programa:
Caracol e Caracola. Autor: Armando Quintero. Ilustrador: André Letria
Chocolata. Autora: Marisa Núñez. Ilustradora: Helga Bansch
Fiz, o coleccionista de medos. Autora: Fina Casalderrey. Ilustradora: Teresa Lima
O que ten que aprender un cempés que queira ser sabio como Perico. Autora: Mercedes Carrión. Ilustradora: Francesca Chessa
Quen levou a Lúa? Autor: Mario Catelli. Ilustradora: Madalena Matoso
O galo que puxo un ovo. Autor: Indy García. Ilustradora: Laura Tova
Jack e a Morte. Autor: Tim Bowley. Ilustradora: Natalie Pudalov
A sesta dos enormes. Autor: Pep Bruno. Ilustradora: Natalie Pudalov
A colleita de ratiño. Autora: Leticia R. Gancedo. Ilustradora: Mar Ferrero
Corazón de oso. Autor: Armando Quintero. Ilustradora: Laura Von Husen
Oso e mais eu. Autora: Esther Peces. Ilustradora: Esther Peces.

Galardóns

Os premios inclúen unha dotación de libros infantís en galego para cada centro seleccionado, así como formación e asesoramento ao profesorado para que poida realizar cos estudantes curtametraxes de animación coa técnica de stop motion baseadas nos libros proporcionados.
No curso 2013-2014, o programa foi incluído no Plan Proxecta e ampliou a formación docente, que pasou a ser anual, con parte presencial e parte en rede, para os centros admitidos.
Desde o ano lectivo 2011-2012, a SXPL convoca anualmente o concurso Nós tamén creamos!, asociado ao programa, para centros de titularidade pública. Establece tres categorías: Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria e 3º e 4º de Primaria.
Grazas á colaboración coa CRTVG, estas curtas de animación poden verse na aplicación Xabarín desta entidade e na sección infantil da súa canle, o que, segundo informa a Secretaría Xeral, fai que medre “o efecto positivo na promoción da lingua galega, que non se restrinxe ao ámbito de cada centro senón que chega a un público moito máis amplo, mesmo de fóra da Comunidade Autónoma”. Por outra parte, o centro gañador na modalidade de 3º e 4º cursos de primaria ten a posibilidade de participar no Festival de Cans.