A Secretaría da Lingua e Feiraco impulsan unha academia virtual de música tradicional
luns, 14 de abril do 2025
A Secretaría Xeral da Lingua e a empresa láctea galega Feiraco (integrada na Cooperativa CLUN) presentaron este 14 de abril o seu programa conxunto de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano, como lembraremos, vai adicado ao cancioneiro popular galego e ás cantareiras. A axenda da Secretaría Xeral e Feiraco inclúe (a xeito de novidade) a posta en marcha dunha academia virtual de música tradicional, ademais do xa tradicional Certame de Microrrelatos. A iniciativa foi presentada esta mañá no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, nun emotivo acto guiado por Esther Estévez, que amadriñará por terceiro ano consecutivo as Letras Galegas de Feiraco.
“Que a nosa lingua se manteña viva ten sido, en gran medida, pola contribución do noso folclore e das nosas cantareiras que nunca deixaron de amala e empregala”, valorou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, sobre este proxecto “tan axeitado no ano en que as Letras Galegas se lle dedican ás cantareiras e á poesía tradicional oral”. Avanzou que a partir de hoxe estará dispoñible na páxina web vivefeiraco.es clases e titorías impartidas polo grupo Xacarandaina de iniciación á pandeireta, sobre os pasos básicos da muiñeira e tamén sobre ritmo e o ton no folclore. Todos estes vídeos iranse compartindo nas redes sociais ao longo de todos este mes de abril co obxecto de difundir “entre as novas xeracións a riqueza deste valioso patrimonio inmaterial e facer medrar o amor e interese por elas e, consecuentemente, pola nosa fala entre mocidade”, salientou Valentín García.
Neste senso, o secretario xeral da Lingua tamén agradeceu a colaboración de entidades como Feiraco nesta iniciativa, salientando a importancia de actos coma este “para reivindicar o valor dos nosos cantos e músicas non só como material creativo e artístico, senón para fortalecer a nosa lingua, crear comunidade e fornecer a memoria compartida”.
Pola súa banda, o director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, tras agradecer a todos os presentes a súa colaboración, destacou que “detrás de cada litro de leite, de cada iogur, hai un traballo enorme dedicado á nosa terra. Por iso, cada ano apoiamos con moito ímpeto o Día das Letras Galegas. Este ano facémolo poñendo en valor que en Galicia hai talento por todas partes, porque si, Galicia é campo de artistas” e, concluíu, “nós traballaremos todos e todas xuntas para poñelo en valor e que siga habendo, moitos anos máis, un campo de vida e un campo de futuro”.
A directora do IES Rosalía de Castro, Gemma Paredes, en alusión ao XIII Certame de Microrrelatos, destacou que “é fundamental poñer en marcha este tipo de iniciativas para achegárllellas ás novas xeracións”.
Pola súa parte, a presidenta da asociación Xacarandaina, Patricia Miño, explicou o funcionamento da entidade, que leva traballando desde 1978 para educar e poñer en valor a música e a cultura galega: “Estamos moi contentos de poder colaborar nesta iniciativa e sentimos unha gran alegría polo recoñecemento a esas mulleres. Nós seguiremos traballando para manter e transmitir o seu legado na sociedade”.
XIII Certame de Microrrelatos
De maneira paralela, estará activo o tradicional XIII Certame de Microrrelatos, que este ano propón ás persoas participantes achegar a figura das cantareiras e da poesía tradicional ás novas xeracións. Deste xeito, as narracións deberán estar inspiradas en Galicia e ter de protagonista unha cantareira ou pandeireteira. O certame conta con dúas categorías: a xuvenil, dirixida a escolares a partir de 12 anos; e a adulta, para maiores de 18 anos. O prazo de recepción dos traballos en ambas as dúas modalidades estará aberto ata o 18 de maio.
Os premios
O xurado do concurso, integrado por persoal da Secretaría Xeral da Lingua e da empresa láctea, valorará a orixinalidade, a creatividade, así como o coidado na redacción e o uso correcto da lingua galega. Unha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, xunto cun lote de produtos Feiraco, son os premios aos que optan.
Homenaxe de Feiraco ás Letras Galegas
A campaña de Feiraco para homenaxear as Letras Galegas desenvolverase baixo o lema Galicia é campo de artistas, apostando polo folclore tradicional como esencia da cultura galega. A iniciativa inclúe a creación dunha academia de folclore en colaboración co grupo Xacarandaina, destacada agrupación envorcada na difusión da música e do baile tradicional galego. Como dixemos, a través desta alianza gravaranse catro clases de folclore básico que estarán dispoñíbeis no enderezo web de Feiraco e que “pretenden lograr que todo o mundo sinta a música”. Versarán sobre Introdución á pandeireta, Pasos básicos da muiñeira, Ritmo folclórico e Ton no folclore.