A Secretaría da Lingua impulsa o galego no ámbito relixioso a través dos soportes dixitais
martes, 3 de xuño do 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou este martes 3 de xuño na presentación da versión en liña da Biblia en galego, iniciativa coa que colabora a Xunta no senso de “seguir dando pasos adiante en todos os ámbitos da sociedade, como é o eido relixioso, a prol do uso da nosa lingua”, apuntou.
García salientou “a necesidade de adaptarse aos tempos e ás actuais vías de comunicación facilitando o acceso tamén a este tipo de publicacións específicas a través dos soportes dixitais, ademais da súa dispoñibilidade en formato físico”.
O secretario xeral lembrou, hai tres anos saíu á luz, tamén co patrocinio do Executivo autonómico, a cuarta edición do libro sagrado “para a que se fixo unha revisión lingüística de acordo ás normas actuais”. Antes, fora publicado por primeira vez en galego en 1989, con dúas edicións posteriores no 1992 e 2001.
Indicou que con este novo paso, que permite consultar a Biblia en lingua galega a través do seu propio portal e tamén no Portal da Lingua, Valentín García fixo fincapé no obxectivo de “potenciar o uso do idioma en ámbitos con gran peso, tendo en conta a capacidade que a igrexa ten en Galicia para chegar a grandes grupos de persoas”.
Tamén recordou que hai uns meses desde a Consellería de Cultura tamén se impulsou, a través dun convenio co Arcebispado de Santiago, a edición de 1.500 exemplares do Misal galego baixo o selo da editorial da Conferencia Episcopal Española, e que foron distribuídos por toda Galicia a través das dioceses.
Con todas estas iniciativas e a colaboración entre institucións, Valentín García destacou a importancia de “garantir a través de todas as vías, tamén as tecnolóxicas, os dereitos lingüísticos das persoas interesadas na relixión, favorecendo a dinamización da lingua no ámbito litúrxico e prestixiando o idioma”.
