A Secretaría da Lingua ofrece un curso de galego na Plataforma de Teleformación

venres, 5 de decembro do 2025 S. P.

A Secretaría Xeral da Lingua que dirixe Valentín García ofrece esta tempada un curso gratuíto de lingua e cultura galegas: unha actividade formativa online dirixida a todas as persoas, tanto se teñen coñecementos básicos como se comezan dende cero. O curso está organizado en cinco unidades temáticas, pensadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito gradual, práctico e conectado coa realidade galega.
Cada unidade integra contidos de fonética, para familiarizarse cos sons do galego e mellorar a pronuncia; gramática, centrada nas estruturas básicas e frecuentes da lingua; léxico útil, cun enfoque comunicativo para situacións cotiás; e cultura e historia do galego. A Secretaría engade grazas a esta actividade formativa “tamén coñeceremos algunha das moitas festas gastronómicas galegas e cales son os festivais de música máis destacados”, e, a maiores, “poderemos prepararnos para facer o Camiño de Santiago ao tempo que gozamos do clima e dos espazos naturais de Galicia”.
Cada unidade inclúe exercicios de autocorrección e actividades de resposta aberta para aprender e practicar a lingua dun xeito entretido e activo.
Pódese acceder ao curso e a todos os materiais descargables na Plataforma de Teleformación de Lingua Galega.