A Secretaría da Lingua premia o proxecto Palabra no tempo de recuperación do léxico patrimonial do Courel
mércores, 27 de maio do 2026
A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia fixeron pública a resolución da convocatoria de participación nos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública durante o curso académico 2025/2026. Entre os cinco proxectos seleccionados con mención de excelencia a nivel galego figura Palabra no tempo, do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel.
O recoñecemento supón unha dotación económica de 2.000 euros para o centro, así como a certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa para o profesorado implicado e a difusión do proxecto a través da rede e da páxina web da Secretaría Xeral da Lingua, o Portal da Lingua.
Palabra no tempo é un proxecto de dinamización lingüística onde o alumnado se converte en investigador do patrimonio léxico do Courel. Ao longo deste curso, as alumnas e os alumnos do centro documentaron máis de 350 palabras e expresións propias desta comarca. “Voces algunhas delas en risco de desapareceren debido ao despoboamento zona, á falta de transmisión xeracional ou á tendencia cara o uso do galego estándar, mais tamén outras aínda vivas na fala cotiá”, informaron dende o centro educativo de Courel, sinalando que a iniciativa leva parella un importante traballo de recuperación e conservación do léxico tradicional da comarca, materializado polo alumnado e tamén pola veciñanza e polas familias das e dos estudantes, grazas aos cales estes recolleron “palabras únicas do seu territorio” coas que están a crear un dicionario dixital, xogos de mesa (un dominó e un memory) e mesmo unha páxina web propia.
A colaboración artéllase a través de enquisas en formato dixital e físico. A idea do proxecto é que “o alumnado aprenda e manteña vivas estas palabras”. Buscan tamén achegar este vocabulario á comunidade educativa e contribuír á súa difusión dunha maneira lúdica, participativa e próxima.
Ademais dos xogos, o centro está introducindo as palabras recollidas nun repositorio virtual, dispoñible na web do ILG da USC.
O proxecto completarase tamén coa publicación dun dicionario en formato físico, grazas á colaboración da Deputación de Lugo.
Estes e outros datos foron achegados polo alumnado nunha recente entrevista en Radio Nacional.
Este traballo forma parte do programa Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional, coordenado polo Instituto da Lingua Galega da USC en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, que integra o Plan Proxecta+.
A resolución da convocatoria actual de proxectos de innovación educativa pódese consultar tamén no Portal da Lingua.
