A Sony ZV-E10 II dá un salto en calidade de gravación e autonomía

xoves, 11 de xullo do 2024 Marcus Fernández

Hai 3 anos Sony presentou unha cámara APS-C con obxectivos intercambiables orientada especialmente á gravación de vídeo, a Sony ZV-E10, que pasou a converterse nun dos grandes referentes entre os creadores de contido para a Internet, xa que ofrece grandes prestacións nun tamaño compacto e a un prezo competitivo.
Agora chegou o tempo de renovar esta cámara de referencia, e presentan a Sony ZV-E10 II, que incorpora novidades como un sensor CMOS Exmor R de 26 Mpíxeles (que sería o mesmo que emprega a Sony FX30 da serie Cinema Line), enfoque automático mellorado, gravación de vídeo nun modo de vlog cinematográfico, a posibilidade de gravar en 4:2:2 de 10 bits e compresión All-Intra até 4K a 60p, soporte de S-Log3 para un rango dinámico moi amplo, unha interface de usuario que se adapta se queremos gravar en vertical, melloras de conectividade para facilitar o seu uso como webcam (ou incluso para facer directos mediante Wi-Fi) e, como detalle non menos importante, adopción de baterías Sony Z, o que supón unha importante mellora na autonomía da cámara (promete até 195 minutos de gravación de vídeo cunha única carga).
Esta cámara tamén pode adquirise cun novo obxectivo de kit (Sony E PZ 16-50mm f/3.5-5.6 OSS II) con zoom eléctrico e enfoque automático.
Aínda que a cámara integra un micrófono de 3 cápsulas (e mesmo inclúe un accesorio para reducir o ruído do vento) tamén permite a conexión de micrófonos externos directamente na zapata da cámara (o que supón unha montaxe moito máis sinxela).
Esta interesante cámara chegará ás tendas a finais de mes a un prezo aproximado de 1.100 euros o corpo ou 1.200 euros co obxectivo 16-50mm incluído. Temos así un produto que supón un importante salto de calidade fronte á súa anterior versión, pero que ten nesta mesma cámara ao seu principal competidor, xa que actualmente é posible atopala a un prezo próximo aos 600 euros, polo que pode resultar demasiado tentadora para os novos creadores de contidos.

Vídeo de presentación da nova cámara de Sony