A Steam Machine xa ten as súas luces vermellas

venres, 3 de xullo do 2026 Marcus Fernández

Finalmente a Steam Machine de Valve é unha realidade comercial, chegando as primeiras unidades aos seus compradores e, en consecuencia, os primeiros problemas, que poden chamar a preocuparse, aínda que poden rematar sendo simples anécdotas.
Para moitos resultou alarmante que xa haxa un primeiro caso de liña vermella da morte, ou sexa, que unha Steam Machine, tras 20 minutos de uso, amosou unha liña vermella na súa barra luminosa, que significa que se detectou un fallo na gráfica do sistema, o que lembra ás tres luces vermellas da morte que presentaban as consolas Xbox 360 cando falaba a súa gráfica.
No caso da Xbox 360 o erro correspondía a un fallo de deseño que afectaba a todas as unidades, polo que era practicamente inevitable chegar a experimentar o erro (chegaba con facer un uso intensivo da consola), pero nesta ocasión podemos estar ante unha unidade defectuosa sen máis.
Nas páxinas de soporte da Steam Machine detallan os distintos tipos de erro que pode sinalar a barra luminosa cando se ilumina en vermello, que pode ser sobrequecemento (de iluminarse totalmente), se fallou a GPU (cando se acende a metade dereita da barra), cando non detecta a RAM (acéndese o cuadrante dereito), cando non detecta a unidade SSD (acéndese o segundo cuadrante) ou cando falla a calibración da memoria (acéndese a metade esquerda).
Queda agora agardar para ver se este tipo de problema é puntual ou habitual, o que resulta de especial interese dado o elevado prezo da máquina (entre 1.039 e 1.428 euros).