A TVG destina 330.000 euros a proxectos de contidos dixitais

venres, 1 de xullo do 2022 Redacción

A CRTVG abre unha nova vía de produción e colaboración co sector audiovisual cunha convocatoria de selección de proxectos dixitais en lingua galega, a de maior contía económica ata a data. Elixiranse até 42 proxectos destinados á emisión a través das canles dixitais, páxina web e redes sociais, dos medios públicos galegos. As propostas deberán ser contidos de ficción, humor, divulgación, educación, cultura ou infotainment en formato longo ou en forma de microespazos/serie, e deben ser feitas especificamente para a contorna dixital.
Esta convocatoria, que estará aberta até o 15 de agosto, enmárcase na estratexia de dixitalización, innovación e posicionamento dos medios públicos na contorna dixital e a súa relación co sector audiovisual. Este proxecto ten o obxectivo de promover a creatividade neste eido e procurar novas formas de produción de contidos multiplataforma e/ou transmedia, en lingua galega, que permitan novas formas de interacción coa audiencia e dean cabida nos medios públicos a novas formas de expresión artística netamente dixitais.
Dos 42 proxectos que se seleccionarán, 12 deberán ser pezas de vídeo cunha duración entre 5 e 50 minutos, e cun orzamento por proxecto non superior aos 20.000 euros máis IVE. Os outros 30 proxectos deberán estar compostos por un conxunto de pezas de vídeo cunha duración mínima por peza de medio minuto e máxima de 10 minutos. O orzamento de cada proxecto non poderá superar os 3.000 euros,máis IVE.
A convocatoria foi deseñada tamén deste xeito para facilitar o acceso de pequenas empresas ou profesionais individuais que poden ter máis dificultades para presentar proxectos destinados á emisión por medios tradicionais e cun orzamento máis elevado.
Toda a información sobre a convocatoria pode consultarse no Portal de Transparencia da Corporación.

PUBLICIDADE