A TVG lanza unha nova convocatoria de 300.000 euros para proxectos dixitais

martes, 16 de xullo do 2024 S. P.

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia lanzou a semana pasada unha convocatoria de contidos dixitais dotada de 300.000 euros para a produción de 12 novos proxectos destinados ás súas canles dixitais, nomeadamente á plataforma dixital AGalega.gal. Con esta convocatoria, “a CRTVG dá continuidade ao seu apoio aos profesionais galegos deste sector galego e á difusión de proxectos audiovisuais a través das súas canles”. Así o comunicou o pasado venres no Parlamento de Galicia o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que presentou a Memoria de Servizo Público de 2023.
Sánchez Izquierdo salientou que “2023 foi o exercicio no que se desenvolveron todas as melloras tecnolóxicas e de recursos que estamos a utilizar xa neste 2024, como o novo escenario dos Servizos Informativos ou a plataforma dixital estreada en xaneiro pasado”.
Na súa intervención o director xeral achegou datos da enquisa desenvolvida en 2023 e recollida na súa totalidade no informe Estados de Información non Financeira publicado no Portal de Transparencia e que indica, entre outros baremos, que “o 85% dos galegos estima que a TVG é necesaria para que os galegos estean informados das noticias da comunidade e provincia, e o 86% di que TVG reflicte e fomenta a cultura galega e o seu idioma”.
Izquierdo salientou ademais “a riqueza do intercambio social, educativo e lingüístico entre Galicia e Portugal” e “a liña de traballo aberta coa RTP e o sector coa coprodución conxunta da serie Motel Valkirias, que acadou o Premio europeo CIRCOM, o décimo premio internacional para unha produción da CRTVG, ou o programa Aquí Portugal emitido simultaneamente por ambas canles.