A TVG realiza unha conexión en directo por 5G

venres, 23 de xullo do 2021 Marcus Fernández

A Televisión de Galicia realizou hoxe unha retransmisión en directo mediante tecnoloxía 5G con conectividade subministrada por Telefónica no marco dun dos proxectos do Nodo de Cooperación 5G impulsado pola Xunta de Galicia a través da AMTEGA.
A retransmisión en directo realizouse no Telexornal Mediodía, cunha conexión dende o Monte do Gozo na que entrevistaron a varios peregrinos chegando a Compostela en vésperas da celebración do Día de Santiago Apóstolo. A conexión realizouse mediante unha mochila con codificación de vídeo H.265 de Mobile Viewpoint B.V equipada con modems 5G que permitiron transmitir o sinal dunha cámara con alta calidade e baixo retardo.
Esta conexión foi o froito dun proceso de probas cos que conseguiron reducir os retardos das transmisións até 0,8 segundos, o que supón un 25% menos da latencia habitual en directos. Aseguran que estamos ante a primeira retransmisión deste tipo realizada por unha televisión pública española.

PUBLICIDADE