A Tecnópole acolle o lanzamento de Energytic.eu cunha xornada formativa

mércores, 4 de maio do 2011 Raquel Noya

No marco do proxecto europeo ER-INNOVA, deseñado para incrementar a competitividade das pequenas e medianas empresas do sector das enerxías renovables a través das TIC, o Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole– vai acoller, este venres 6 de maio, o lanzamento dunha plataforma online coa que darlle servizo ás pequenas e medianas empresas do sector de toda Galicia e do Norte de Portugal.
Trátase da web Energytic.eu, que está a ser promovida na Rede polos socios de ER-INNOVA, a fin de “dinamizar a cooperación entre as empresas do sector das renovables para levar a cabo proxectos conxuntos de innovación”. Asemade, Energytic permite a implantación, por parte das empresas interesadas, de comercio online e da facturación electrónica.
Neste senso, a Tecnópole vai organizar unha xornada técnica á que van asistir as PEMES que participan na fase piloto do proxecto, porén tamén estará aberta a todas aquelas empresas, centros tecnolóxicos, asociacións e demais axentes do sector galego interesados no manexo destas ferramentas tecnolóxicas. A intención é, segundo informan dende a Tecnópole, “facelas extensivas a todo o sector”.
Nesta xornada, de carácter eminentemente práctico, explicarase o funcionamento da web, na que, entre outras cousas, se achega información actualizada sobre as convocatorias de financiación específicas para o sector e se permite a procura de socios para determinados proxectos.
Tamén inclúe un mercado virtual de intercambio de bens e servizos, así como un completo sistema de facturación electrónica a disposición das empresas rexistradas.
A posta en marcha desta plataforma compleméntase coa outra liña principal de actuación do proxecto: o deseño e implantación de ferramentas para a xestión interna das PEMES a través de aplicacións de escritorio, entre as que as destaca un sistema de planifificación de recursos empresariais (ERP) especificamente deseñado para elas.
Esta ferramenta xa está a ser implantada nas empresas participantes, porén a partir do venres, estará a disposición na web er-innova.com para a súa descarga de balde por parte de calquera entidade interesada.
Entre os socios do proxecto destacan, ademais da Tecnópole, a Asociación de Empresas Galegas adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, a través de OPIDi.

PUBLICIDADE