A Tecnópole crea un bosque con 1.800 árbores para compensar as súas emisións

luns, 11 de marzo do 2024 S. P.

Ao abeiro dos seus firmes obxectivos de sustentabilidade e da súa marca Tecnópole en Verde, o Parque Tecnolóxico de Galicia está a desenvolver unha serie de accións pioneiras no conxunto dos parques científicos e tecnolóxicos de España destinadas a reducir a súa pegada de carbono. Como primeiro paso, o Parque calculou a pegada de carbono xerada en 2022 polo mantemento de todos os servizos e infraestruturas que ten a disposición das súas empresas.
Este cálculo recolle as emisións referidas principalmente á iluminación, climatización e mantemento de todas as instalacións que xestiona. Así, analizáronse as emisións directas de gases de efecto invernadoiro, como as procedentes da combustión en caldeiras, fornos e vehículos que son propiedade ou están baixo o control da entidade; e as emisións indirectas, asociadas á xeración de electricidade adquirida e consumida pola entidade.
Segundo os resultados deste estudo, a pegada ascende ás 263 toneladas de CO2 ao ano, cifra referida aos 11.918 m2 dos seus tres edificios principais, o que indica que se xeran 22 kg de CO2 por m2. Da cantidade total, 114 toneladas corresponden a empresas instaladas nestes edificios. Estas cifras son similares ás pegadas medias de entidades similares no noso país.
“O estudo amosa que a principal fonte de emisión é o consumo eléctrico asociado á climatización e iluminación dos edificios (95%), polo que noso obxectivo para os vindeiros tres anos é reducir nun 7,5% o consumo de electricidade, co que se lograrían reducir as emisións nun 25%, xunto ao gasto enerxético. Para conseguilo, estamos a traballar en iniciativas como a mellora do illamento dos edificios, a mellora da ventilación, a optimización da iluminación, ampliaremos a instalación de paneis solares fotovoltaicos, fomentaremos o uso de modos de transporte máis eficientes… Así mesmo, imos elaborar unha guía de boas prácticas para as empresas residentes, co fin de que tamén minimicen o seu impacto sobre o medio”, explicou o director xerente do Parque, Javier Taibo.
Un dos principais propósitos de Tecnópole é “que toda a súa enerxía proceda de fontes renovábeis”. Ademais, xa foi introducindo melloras para reducir o seu consumo enerxético como a instalación de portas con cortinas calefactoras nos corredores, a colocación de LED en todos os seus edificios e no alumeado exterior, a instalación dun sistema de calefacción máis eficiente mediante pélets… Vaise calcular a pegada de carbono correspondente a 2023 co fin de comprobar se se está a reducir.
Entre as accións para mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro, levouse a cabo a plantación de 1.800 árbores, que ocupan unha superficie de 2,2 hectáreas. A creación deste bosque foi posíbel grazas á repoboación de terreos do Parque que estaban en desuso, logrando mellorar a paisaxe e evitando así mesmo a propagación de especies invasoras. A repoboación fíxose con especies autóctonas (70% bidueiros e 30% unha mestura de piñeiros, castiñeiros, serbais, carballos e acivros), que absorberán máis de 270 toneladas de dióxido de carbono nos vindeiros 30 anos, en función do crecemento de cada unha destas especies.
O Bosque Tecnópole vai permitir compensar as emisións do primeiro ano e parte das emisións dos vindeiros. A plantación xerará cada ano a cantidade de osíxeno equivalente ao que necesitan 88 persoas, tendo en conta que unha persoa precisa o osíxeno xerado por 22 árbores.
Por outra banda, plantáronse arbustos autóctonos na zona axardinada, un total de 200 plantas, en particular acivro, loureiro e érbedo; xunto a outras árbores como castiñeiros, carballos e bidueiros. Trátase de especies que non esixen de rego para a súa subsistencia.