A Tecnópole e GAIN abren o prazo da inscrición nos obradoiros de Galiciencia online 2021

luns, 5 de abril do 2021 S. P.

A Tecnópole e a axencia GAIN abriron o prazo de inscrición para os obradoiros de Galiciencia, a referencial e prestixiosa feira científico-tecnolóxica da nosa terra, que este ano (ano da súa dezaseis edición) vén en formato en liña para garantir ao máximo a seguridade das e dos participantes e tirar o máximo proveito das posibilidades que ofrecen as novas ferramentas de comunicación.
O evento, un dos maiores das súas características a nivel estatal, celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento.
Por segundo ano consecutivo, será un acontecemento online debido á actual situación sanitaria, circunstancia que malia as complexidades que puxo en xogo permitiu ampliar o radio de alcance da feira a todo o ámbito español, “podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía”.
Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades, obradoiros, concursos diversos e espectáculos de ciencia.
Este 6 de abril abríase o prazo para que a rapazada se inscriba nos talleres que se van desenvolver nesta edición; poderán facelo ata o vindeiro 30 de abril a través de galiciencia.online.
A cita abrirase o 26 de maio cun espectáculo científico dinámico e interactivo que versará sobre O mundo e as pandemias, en palabras da Tecnópole “unha aproximación á historia das grandes pandemias e á importancia da ciencia e a tecnoloxía para a súa solución”. Durante o espectáculo levaranse a cabo diferentes experiencias prácticas como a visualización das principais vías de contaxio empregando luz ultravioleta, ou a comprobación experimental da eficiencia das máscaras.
Os centros educativos recibirán un kit con materiais para que o alumnado poida desenvolver cada actividade
Os estudantes de Primaria poderán participar en dous obradoiros: Como pode voar un helicóptero en Marte?, inspirado na misión Mars2020 da NASA, sobre a que hai postas as esperanzas de lograr o primeiro voo con motor noutro planeta, e máis o taller CSI, un achegamento á relación entre ciencia e tecnoloxía e a investigación policial, mediante a resolución dunha misteriosa desaparición.
Pola súa parte, o alumnado de Secundaria poderá participar na actividade creativa Espiando a coroa, centrada en calcular a dimensión dun cabelo a través de luz láser. Amais, en Microbioloxía para entender o mundo os rapaces terán a oportunidade de descubrir, mediante exemplos cotiáns, como a microbioloxía xoga un papel fundamental tanto na nosa saúde como no noso día a día.

PUBLICIDADE