A Tecnópole fai un chamamento ás rapazas para que estuden carreiras STEM

luns, 26 de outubro do 2020 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) participa no proxecto de divulgación e igualdade Ciencia e Tecnoloxía en feminino, impulsado pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa, que este ano cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas, ou sexa, carreiras STEM (polas súas siglas en inglés). No marco da iniciativa este luns celebrouse dende a Tecnópole unha actividade de difusión científica dirixida a alumnado de primeiro, segundo e terceiro de Secundaria.
O encargado de conducila foi o divulgador científico David Ballesteros, director das aulas de investigación para mozos do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Na actividade interviron a directora do Domus, Patricia Barciela, e Iria Míguez, ex-alumna de Aulas Tecnópole e enxeñeira de Telecomunicacións. Explicaron á rapazada as vantaxes de adicar a vida á ciencia ou á tecnoloxía e relataron a súa experiencia particular ao ter elixido carreiras nas que predominan os homes. “É un xeito de darlles ás novas xeracións referentes femininos en estudos pouco habituais para as mulleres”, sinalou Ballesteros.
No transcurso da xornada o alumnado participou nun obradoiro para crear unha mostra virtual sobre mulleres científicas e tecnólogas que fixeron historia, baseándose na Realidade Virtual e máis na Realidade Aumentada. Ademais, desenvolveuse outro taller para os que desexen participar cun vídeo no concurso nacional que promove a Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España baixo o título Propostas innovadoras aos retos para o desenvolvemento sustentábel.

PUBLICIDADE